Noticias
-
O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral. Este ano o fío condutor das visitas será a cita “O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano.
-
O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a programación completa da súa XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en diferentes espazos de Santiago de Compostela entre os vindeiros días 25 e 31 de marzo. As gravacións domésticas, as fronteiras e a relación do son e a música coa etnografía son as tres liñas temáticas que vertebran a carteleira deste ano, no que o cinema feito por mulleres volverá ter un peso importante. Como en anos anteriores, o encontro dedicaralle unha parte importante da súa programación a filmes dirixidos por mulleres, que neste caso supoñen arredor da metade dos títulos incluídos tanto na sección oficial como fóra de concurso, cunha escolma coordinada por Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro.
-
Representantes de diversos museos da comunidade reuníronse para iniciar o proceso de elaboración da Lei de Museos de Galicia. O CGAC acolleu este encontro de traballo, que serviu para establecer unha toma de contacto entre o sector museístico e os representantes da Xunta de Galicia. Preto de 30 institucións culturais de toda Galicia participaron nesta primeira xuntanza na que se solicitou a participación e se escoitaron as primeiras achegas técnicas dos profesionais involucrados nas actividades museísticas. Neste caso, trátase de acadar un proceso participativo e transparente, escoitando as opinións e achegas de todos os integrantes do ecosistema galego de museos.
-
Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Let’s Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.
-
Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. ​Commedia​, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; ​Divinas Palabras Revolutio​n, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como ​Invisibles, de Redrum Teatro, e ​A Casa O’Rei​, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra ​O servidor de dous amos​, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma ​#Camiños, Anatomía dunha serea, ou ​A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas ​Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e ​Patapatúm.
-
O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura organiza unha nova edición de CreaGaiás, co obxectivo de pór de relevo o traballo das persoas emprendedoras do sector cultural e creativo. Dous certames de fotografía co emprendemento como eixe e unha xornada lúdico-formativa compoñen o programa desta iniciativa promovida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a empresa de xestión cultural Correveydile. A partir de hoxe está aberta a inscrición para participar no certame de reportaxes fotográficas CreaGaiás7x7, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais, emprendedores e coworkers, e público xeral.
-
A Cidade da Cultura farase eco na súa vindeira exposición, Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, da calidade e recoñecemento que está a vivir a artesanía galega dentro e fóra de Galicia, tal e como acredita o interese que esperta entre publicacións especializas de prestixio ou o feito de que os produtos de novos artesáns e artesás ocupan un espazo destacado en feiras internacionais de renome, como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair, entre outras. Deste xeito, a partir do 12 de abril e ata o 8 de setembro, o Museo Centro Gaiás propón unha ambiciosa e completa viaxe no tempo pola artesanía de Galicia.
-
Cintaadhesiva é un proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e do músico Jesús Andrés Tejada, que ten como base os ámbitos literario e musical, un espectáculo de música electrónica e poesía no marco dos ‘Xoves de Moda’, un dos programas artísticos promovidos no marco do ciclo Lubicán. Un concerto de Cintaadhesiva antóllase como unha experiencia moi completa, de grande intensidade. Nos contidos destaca un posicionamento marcadamente feminista e unha visión crítica de diversos ámbitos do social. Unha reflexión profunda e poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano. A ‘e-poesía’, ou poesía con música electrónica, é a base principal das composicións de Jesús Andrés.
-
Inaugurouse na Sala de Recepción e Protocolo do Pazo Provincial de Ourense a mostra 'Castelao e Prada: Irmaus!', que inclúe como peza central o emblemático lenzo de Castelao, 'A derradeira leición do mestre', pintado polo artista rianxeiro en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence. O cadro, que se expón en Ourense en virtude dun acordo de préstamo entre o Centro Galicia de Buenos Aires, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo, poderá ser visto durante o próximo mes na cidade das Burgas, antes do seu definitivo retorno ao Centro Galicia a partir do vindeiro 7 de abril.