Play-Doc presenta a estrea española da última película do prestixioso fotógrafo e cineasta norteamericano Bruce Weber
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/bruce_weber.jpg)
A súa primeira longametraxe, Broken Noses (1987) conta a historia de Andy Minsker, un boxeador profesional ex-campión de peso lixeiro, e o seu pequeno club de boxeo para nenos en Portland, Oregon. Nel Minsker fálanos da súa carreira frustrada coa Asociación Olímpica Estadounidense de Boxeo e as súas loitas en Las Vegas, á vez que asistimos aos seus adestramentos cos mozos, a maioría dos cales provén de familias disfuncionais. Criado tamén nun fogar cheo de problemas e de abusos familiares, Andy dedica todo o seu tempo a axudar aos mozos aos que trata como aos seus fillos, tratando de ser para eles o modelo a seguir que el nunca tivo. Fermosamente filmada e cunha deliciosa banda sonora, esta película explora e deconstrúe o concepto de virilidade.
En Let’s Get Lost (1988) Bruce Weber acompaña a Chet Baker no que sería o último ano da súa vida. Os complicados últimos tempos de Baker, marcados pola súa adicción ás drogas, contrastan cos anos da súa mocidade, cando aínda era o mozo dourado do jazz cun aire ao James Dean e un brillante e prometedor futuro por diante. A película combina material de arquivo e entrevistas desgarradoras con Chet Baker, así como con outros músicos, amigos, noivas, ex-mulleres e fillos. Cando a película atopábase na fase de montaxe, Chet Baker morreu trágicamente en estrañas circunstancias ao caer da xanela do seu hotel en Amsterdam. Ese mesmo ano a película gañou o premio da crítica no festival de Venecia e un ano despois, en 1989, foi nomeada a un Oscar. Máis de catro décadas despois Let’s Get Lost continúa sendo o mellor documental de jazz xamais feito sobre unha das máis grandes lendas da historia do jazz.
A finais dos anos noventa, Bruce Weber consegue convencer ao actor Robert Mitchum para retratarlle nunha película. Pero cando Mitchum falece en 1997, Weber deixa ao carón o seu amado proxecto e non é ata moito tempo despois que volve retomar o material filmado. Mitchum –que antes de cumprir os 15 xa escapara de casa dez veces, ingresado en prisión e realizado traballos forzados– actuou en máis de 130 filmes, principalmente películas de guerra, cinema negro e westerns, nas que sempre facía de tipo duro. Pero Robert Mitchum tamén foi unha persoa moi lida, que escribía poesía, e un grandísimo artista. Nice Girls Don’t Stay for Breakfast (título tomado dunha canción de Julie London), non só é o retrato dun mozo malo con alma de poeta, senón tamén unha película sobre o envellecer dun símbolo sexual masculino. A través dunha serie de entrevistas co propio Mitchum, así como con amigos e admiradores, números musicais e material de arquivo, Weber mostra a batalla interminable de alguén que pasou a súa vida enteira tratando de escapar de casa. A película que estreou mundialmente no festival de cinema de Venecia, terá a súa premiere española en Play- Doc.
O propio Bruce Weber que estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas, súmase así a unha longa lista de cineastas de culto que xa pasaron polo festival galego.
Bruce Weber
Nacido en 1946 en Greensburg, Pennsylvania, Weber é un dos máis prestixiosos fotógrafos que existen hoxe en día, traballando para as máis importantes revistas, e publicado un total de 40 libros. A súa obra fotográfica mostrouse en máis de setenta galerías, exposicións e museos de todo o mundo. Algunhas das súas fotografías atópanse nas coleccións permanentes dos museos Vitoria e Albert Museum de Londres así como na División Fotográfica da cidade de Paris.
Weber é igualmente recoñecido como cineasta cunha filmografía que consiste en cinco longametraxes documentais e unha serie de curtametraxes. As súas dúas primeiras películas, Broken Noses e Let’s get Lost, recibiron ambas o premio ao mellor documental, outorgado pola International Documentary Association e Let’s Get Lost foi tamén nomeada a un Oscar ao mellor documental en 1988. Tamén dirixiu vídeos musicais para Chris Isaak e os Pet Shop Boys, gañando con este último o Music Week’s “Vídeo of Year”. Dirixiu anuncios publicitarios para Calvin Klein, Versace, Ralph Lauren, Abercrombie & Fitch, Banana Republic, Jil Sander, Volvo e Dior Homme.
R.