Noticias
-
Os museos galegos ofrecen durante toda esta semana un amplo programa de actividades para todos os públicos para celebrar, o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradicións. O obxectivo marcado nesta edición polo Consello Internacional de Museos é subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin, os museos de xestión autonómica teñen programadas actividades como xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, espectáculos de monicreques ou romarías. Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio.
-
O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou esta mañá un novo avance do seu cartel para este 2019. A frescura retro-futurista de Belako, que mistura o punk-rock cos ambientes máis cálidos da electrónica sinfónica, subirase ás táboas da Praia de Riazor o sábado 10 de agosto. Pola súa banda, a lenda estadounidense Jello Biafra, considerado como o líder intelectual do movemento punk, súmase ao cartel do venres 9 en Riazor xunto a Patti Smith and Band e Nathy Peluso. Mentres, o inclasificable trobador tecno Joe Crepúsculo celebrará unha década de carreira a ritmo de baile irracional no Noroeste, onde tamén sorprenderá o indie pop imparable de Los Punsetes.
-
Os investigadores e investigadoras noveis da Galiciencia demostran especialmente nesta edición as súas capacidades para poñer a tecnoloxía ao servizo da concienciación e da adopción de bos habitos. Moitos dos equipos participantes na maior feria científica de Galicia decidiron presentar proxectos sobre a temática central do evento, a saúde e os bos hábitos. A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte dos 79 proxectos que se expoñen desde hoxe ata o vindeiro venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) durante a décimo cuarta edición da Galiciencia.
-
Foi presentado no Instituto Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
-
A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, o mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 –Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas -e emitidas en liña- por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Estarán especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.
-
O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos. A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
-
O venres no Teatro Colón a actriz María Casares volverá á escena como protagonista da obra "Despois das ondas", de Ernesto Is, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña que agora converte en espectáculo teatral en coprodución con ButacaZero. As actrices Belén Constenla e Nerea Brey dan vida á actriz nunha obra que percorre a súa biografía. A montaxe incluirá proxeccións de imaxes nunha gran pantalla que se incorpora a unha impresionante montaxe con Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo) ao cargo da creación audiovisual que !realiza unha película a tempo que leva a fragmentación ao grafismo, ao vídeo, aos collages...e á vangarda e contemporaneidade que a caracterizan.
-
A Cidade da Cultura de Galicia volveu converterse esta nun mundo onde mandaron a imaxinación e a fantasía. Foi grazas á Cidade Imaxinaria, un evento lúdico e familiar que se celebra todos os veráns desde hai nove edicións e que, desde o ano pasado, incorpora unha segunda cita en abril para encher de diversión a primavera compostelá. Ademais de festexar a chegada do bo tempo, con este evento o Gaiás quixo conmemorar tamén o Día Internacional do Circo -celebrado a pasada semana- cunha programación chea de acróbatas, malabaristas, trapecistas, clowns e saltimbanquis que conquistaron todos os recunchos do complexo.
-
Presentouse no Pazo de San Roque o informe anual de acción exterior de Galicia 'Nós no mundo. A lusofonía en Galicia' e mais o 'Informe anual do IGADI 2018-2019. En rumbo de colisión'. Cmpres así o IGADI o décimo aniversario desta publicación. 'Nós no mundo' é un informe de periodicidade anual impulsado polo IGADI e centrado na acción exterior galega. Na súa edición de 2019, cando se cumpre o décimo aniversario da publicación, pon o foco na relevancia da lusofonía na acción exterior de Galicia, no marco do quinto aniversario da Lei Paz Andrade e do primeiro ano de funcionamento da Estratexia Galega de Acción Exterior.
-
O II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia alterna sesións didácticas e educativas, con sesións prácticas e lúdicas. Comeza o xoves 25 de abril cunha masterclass sobre cor dixital, da man dun dos máis prestixiosos ilustradores de banda deseñada histórica do estado, Javier Montes, que traballa para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Continuará na fin de semana do 4 e 5 de maio con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio haberá ruta histórica polo Lugo Romano con Lidia de la Fuente, fundadora da empresa lucense Camiños con Arte, e especialista na historia de Lugo. Esta actividade, está organizada polo proxecto de turismo histórico Rutas de Historia.