Noticias
-
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, que realizará este ano varias exposicións dos seus fondos, conmemora o noventa aniversario do nacemento en Ourense do poeta, acontecido o 25 de abril de 1929, co libro de Claudio Rodríguez Fer titulado “Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales)”, última publicación de dita entidade, pois nada pode reprentar mellor ao autor homenaxeado que precisamente salientar a súa infinitude. A obra inclúe unha mostra da íntima e entrañable amizade de Valente con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen remata o volume co seu poema “Nostalxia de nós”, inspirado pola última vez que se viron.
-
Juan de Castro, director do Festival Primavera do Cine presentou a oitava edición do certame, que se celebrará do 30 de abril ao 5 de maio, aínda que as actividades previas deron comezo o pasado 22 de abril con Viva Cuba, unha retrospectiva do cinema cubano organizado con motivo do 60º Aniversario da Revolución e que se estenderá ata este xoves. Así, na presentación oficial do certame, Juan de Castro comenta que “esta semana aínda quedan dúas actividades polas que apostamos moito no festival, Cinema nos Barrios, o venres en Navia e o sábado no Casco Vello Alto e Cine Miúdo, un evento ao que acudirán 800 cativos a visualizar filmes de principios de século e con música en directo feita por Caspervek” e continúa dicindo que “a semana que ven xa dará comezo ao resto de actividades paralelas e a sección oficial”.
-
Un sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea se estás bébedo, unha cadea de comida rápida saudable, un invernadoiro de patacas para astronautas, un sistema ecolóxico de loita contra a avespa velutina, un casco con luces LED para evitar atropelos de ciclistas e bioplásticos de orixe orgánica son só algúns exemplos dos proxectos que participarán na Galiciencia 2019. A décimo cuarta edición da maior feira científica de Galicia rexistrou este ano un récord absoluto de proxectos candidatos a participar. Os 50 stands dispoñibles para os traballos de Secundaria e Bacharelato que competirán polo premio final foron disputados por 134 equipos. Ata este ano, o número máximo de propostas recibidas fora de 83.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.
-
A Sociedade de Filosofía Medieval desenvolve estes días o seu congreso internacional anual que, co lema 'De amicitia. Amizade na filosofía medieval e inicios da modernidade', nesta ocasión serve tamén de homenaxe ao profesor da USC finado o pasado ano César Raña Dafonte. Na inauguración do encontro participarán o decano do centro, Marcelino Agís Villaverde; o presidente de SOFIME, José Francisco Meirinhos; o director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, José Luis Falguera López; e o presidente do comité organizador, Martín González Fernandez. Os relatorios comezarán coa lectura por parte de Rocío Carolo do texto 'Filosofía e amizade no Medievo' da autoría de César Raña.
-
A Cidade da Cultura abrirá ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza. O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia.
-
Dez traballos procedentes das tres universidades galegas conforman o programa da vixésima Mostra de Teatro Universitario de Galicia que se desenvolverá no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Entre os días 22 de abril e 16 de maio, sete compañías da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña amosarán as súas montaxes escénicas dende as 21.00 horas, con función dobre os días 14 e 16 de maio. A entrada é de balde previo paso polo despacho de entradas, aberto dende as 18.00 horas no caso do Teatro Principal e dende as 20.30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño.
-
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso son dous dos 20 artistas seleccionados para o cartel de concertos promocionais de SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que terá lugar do 6 ao 8 de xuño. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid celebrarase no Impact Hub arredor dun programa de reunións de negocios entre empresas, profesionais e artistas cun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación procedentes de Asia, Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. En paralelo, desenvolveranse os devanditos concertos promocionais, aos que estarán convidados os acreditados no encontro.
-
O acto contou coa asistencia do director da exposición Xulio Xiz e do deán da Catedral de Lugo, Mario Vázquez Carballo. A exposición está organizada polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, dirixida por Xulio Xiz, e coordinada por Antonio Xiz e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles. A exposición está composta por 12 paneis dobres, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araujo.
-
O próximo 30 de abril dará comezo a sección oficial do VIII Festival Primavera do Cine en Vigo. Nesta ocasión, para o apartado de curtametraxes, realizouse unha selección de 34 traballos divididos en tres categorías diferentes: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as obras escollidas cabe destacar Madness de João Viana ou Altas cidades de Ossadas, de João Salaviza, ambas estreadas na Berlinale, Mariñeiro de Juan Galiñanes, unha peza documental con Celso Bugallo ou Americano, o último traballo do vigués Fon Cortizo. En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística.