A Coruña acollerá o xoves 21 a gala dos XXIII Premios María Casares, “a gran festa artes escénicas galegas”
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/premios_teatro_maria_casares_2019.jpg)
pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mabel Rivera; o presidente do Consello Territorial da SGAE, Juan Rivas, e dos actores coruñeses Juanillo Esteban e Carlos Sante, que serán os responsables de dirixir unha gala que se poderá seguir, ao vivo, desde as 20.30 horas a través da canle de Youtube da AAAG xa que, tal e como apuntou Mabel Rivera, este ano a gala non se emitirá na canle pública galega. “Tomamos esta decisión ante o feito de que non haxa posibilidade de retransmitir a cerimonia en directo, logo de anos facéndoo de madrugada. Estamos a falar cun trato desfavorable, por parte da administración autonómica, a unha actividade pioneira na transmisión de valores culturais en galego, como é o noso teatro”, aseverou a actriz.
Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. Commedia, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como Invisibles, de Redrum Teatro, e A Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra O servidor de dous amos, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma #Camiños, Anatomía dunha serea, ou A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e Patapatúm. Este ano, por primeira vez, non se entregarán as tradicionais xerras de Sargadelos, que se substituirán por un trofeo deseñado por Paula Pereira como protesta da AAAG polas actuacións da dirección da empresa fronte ao seu cadro de persoal. “Como asociación valoramos o diálogo á hora de solventar conflitos laborais e cumprimentos. Apostamos pola conversa e parécenos que non se está a abordar así desde a fábrica”, apuntou Rivera.
Durante a gala, na que as Aulas de Teatro Universitario de Vigo e Ourense recibirán este ano o Premio de Honra Marisa Soto, o actor Carlos Santiago dará lectura ao Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Pola súa banda, tanto Estaban como Sande salientaron a participación na cerimonia de actrices e actores con bagaxe nas artes circenses, ademais de rostros recoñecidos da escena teatral galega. “Será unha gala de época e dinámica, que trasladará ao público a un pasado glorioso a través da mistura do teatro e circo”, apuntaron durante a presentación.
R.