Noticias
-
A mostra itinerante 'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' recala na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) pon en marcha tres novas producións para a temporada 2022-2023. Os títulos provisionais das estreas son Recortes, caneos e outras formas de driblar, con Tito Asorey como director; Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.
-
O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista.
-
Esta 13ª edición ten prevista a proxección de 138 pezas procedentes de 14 países, das que 53 son estreas internacionais e 47 poderán verse por vez primeira en España. O programa tamén inclúe presentacións, live performance, talleres e encontros profesionais coa participación de 53 artistas convidados, ademais de diferentes actividades para o alumnado de sete centros de ensino da Cidade. A presencialidade e a experiencia colectiva recuperan o seu protagonismo este ano, no que haberá unha importante representación do cinema experimental realizado por mulleres.
-
O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou a programación completa da súa 23ª edición que, do 12 ao 17 de maio, ofrecerá un intenso programa con máis de 60 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques. O festival contará cunha importante presenza de compañías galegas na súa programación, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza e protagonizando, así mesmo, a exposición sobre os seus 40 anos de traxectoria. Outras formacións galegas en cartel son Catropés, Cascanueces Títeres, EducaTeatro, Mircromina Títeres, Paporrubio, Títeres Alakrán, Trécola Producións ou Viravolta Títeres.
-
A produción do Centro Dramático Galego (CDG) 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' viaxa esta semana a Portugal, cunha función en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e outra en Coímbra. A xira portuguesa do espectáculo que leva a escena o texto de AveLina Pérez, con dramaturxia e dirección de Marta Pazos, contará coa presenza do director do CDG, Fran Núñez, que se despraza mañá a Viana do Castelo para presentarlle o sistema de teatro inclusivo a Teatro do Noroeste-Viana do Castelo, interesado na ferramenta.
-
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa en maio coas intervencións do director de teatro e de ópera Jorge Lavelli e do actor e director Josep María Flotats. Ambos mantiveron unha estreita relación con María Casares, tanto no eido profesional como persoal, da que darán testemuño en primeira persoa. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en seis xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade á artista homenaxeada.
-
Variedade de estilos musicais, de escenarios e de localidades, pero sempre baixo os principios da orixinalidade e da calidade das propostas, a 11ª edición de Xacobeo Importa inclúe unha ducia de concertos que se comezaron en febreiro e que se celebrarán ata o mes de outubro na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, en escenarios como o Palacio da Ópera, a Sala Capitol, o Auditorio Mar de Vigo ou o Pazo da Cultura de Pontevedra, onde rematará en outubro o ciclo. O programa incluíu os concertos de Eagles Of Death Metal e Joan As Police Woman, e contará cos concertos dos ingleses White Lies e de The James Hunter Six en maio.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais a vindeira semana en Cee. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco. Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.
-
A exposición artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela arredor da traxectoria persoal e profesional de María Casares. Tras un panel introdutorio abórdase a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz, A Coruña e Madrid, así como o exilio a París. Tamén se afonda na experiencia de María Casares na gran pantalla, a súa relación con Albert Camus, e a súa entrega ao teatro. O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O último panel céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.