Noticias
-
Os espectáculos galegos Elisa e Marcela, de A Panadaría, e A leituga, de Eme 2 Producións, represéntanse esta semana na XV Feria de Artes Escénicas de Madrid MADferia grazas ao intercambio entre este encontro madrileño e o mercado Galicia Escena PRO. Os representantes de MADferia asistiron tamén ao mercado galego, onde tiveron a oportunidade de ver os espectáculos galegos programados, co obxectivo de seleccionar dous deles para a súa carteleira.
-
O impulso á dramaturxia galega contemporánea e a reflexión sobre a nosa identidade como pobo centran unha parte importante da nova temporada escénica do Centro Dramático Galego (CDG), que foi presentada hoxe na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela. Así, arredor deste dous eixos xira a nova produción propia da compañía da Xunta, Neorretranca e posmorriña, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Sinfonía en sol maior ou non, de Esther Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
-
A Cidade da Cultura de Galicia súmase aos actos polo ‘Día de Castelao’ —que se celebra o 30 de xaneiro, data do seu nacemento— botando a andar ese mesmo día o ciclo Diálogos ao redor de Castelao, un espazo de conversa, análise e reflexión sobre a época, a figura e a obra do intelectual galeguista, que contará coa participación de destacados especialistas en historia, arte, ilustración, política e movementos migratorios. Estas xornadas, de balde con inscrición previa, inxírense dentro do programa de actividades para arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, do Museo Centro Gaiás, na que se exhibe por vez primeira en Galicia o icónico lenzo ‘A derradeira leición do mestre’, que xa foi visitada por máis de 25.000 persoas.
-
A Fundación Galega Camilo José Cela conmemorará con diversos actos neste 2019 o 30 aniversario da concesión do premio Nobel ao escritor padronés. Como comezo desta programación mañá, o cemiterio de Santa María de Adina acollerá unha ofrenda floral, ás 11,30 horas, na que participarán a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, o alcalde do Concello de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o alumnado do IES Blanco Amor de Ourense que procederá á lectura dun texto do autor galego. Neste acto participará tamén Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, coa que a Fundación Pública chegou a un acordo de colaboración neste 2019.
-
A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Malasombra Producións con dúas das comedias máis coñecidas desta compañía galega: Go On, o venres 18 ás 20,30 h., e D.E.P. Descanse en paz, o sábado 19 á mesma hora. A programación de xaneiro do Salón Teatro continuará a semana que vén coa estrea de Doppelgänger, espectáculo de Berrobambán en coprodución co Centro Dramático Galego, que tamén colabora con esta compañía compostelá a través do seu programa de residencias. Dentro desta mesma iniciativa, Artesa Cía. chegará á sede do CDG o luns 28 para continuar traballando sobre Chola a It Girl, montaxe que representará no Salón Teatro do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro.
-
A porcelana, o papel, o vidro, as lámpadas, as pezas de coiro ou os xoguetes de madeira combinan coa olería, coa cestería tradicional, co téxtil, coas figuras tradicionais feitas con miga de pan a prata ou coas pezas de madeira orientadas á gastronomía, formando todo isto parte da escolma que representa o produto artesán galego este ano en Formex. Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos.
-
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, achegaralle ao público tres pezas escénicas asinadas por Proxecto Pank e Funboa Escénica. Este Ciclo Pank 2019 arrancará co espectáculo Masa madre + Sal marina, que o binomio creativo formado por Cristina Balboa e Manuel Parra García representará este venres 11 e o sábado 12 de xaneiro, ás 20,30 h. O domingo 13, o pano levantarase ás 18,00 h. para Eso que vi, mentres que o xoves 17, ás 20,30 h., Cristina Balboa compartirá cos espectadores o traballo creativo arredor de O que segue, a súa nova proposta, en proceso de desenvolvemento.
-
A Cidade da Cultura duplicou o número de visitas no Nadal grazas á exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra —que exhibe por vez primeira en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’— e ás actividades para público familiar de Cidade do Nadal, unha urbe máxica con obradoiros, cunha grande para decorar conxuntamente e cun premiado espectáculo familiar. O Gaiás recibiu durante estas festas 7.000 persoas, alcanzando nalgunha destas datas cifras récord ao superar os 800 visitantes por día.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma a súa programación a partir de mañá co arranque da súa primeira carteleira semestral de 2019, que lle ofrecerá ao público 349 citas co teatro, a danza, a música, a maxia e o circo en 40 escenarios. Entre elas, as estreas absolutas das novas propostas das compañías galegas Colectivo Verticalia, Estudo Momento, Malasombra Producións, Licenciada Sotelo, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producciones e Talía Teatro.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo dálle a benvida ao 2019 cunha celebración das linguas e do cine de Europa. Farao desde a semana que vén tanto a través do ciclo EFA: Premios Discovery, que ofrecerá unha escolma dos títulos galardoados nos últimos anos con esta distinción da Academia do Cine Europeo para apoiar o novo talento, como da súa habitual sección Fóra de Serie, cunha selección de filmes falados en diversas linguas do continente. Todas as fitas serán presentadas por profesoras do Centro de Linguas da Universidade da Coruña.