Noticias
-
Iníciase a andaina exterior do catálogo Shorts from Galicia 2019 no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand (Francia), o principal encontro internacional para os profesionais que se dedican á produción, difusión e distribución de curtametraxes. Realizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a pubicación ofrece na súa nova edición unha escolma de seis títulos: Maullidos de látex, de Brian Rodríguez; Limbo, de Daniel Viqueira; Soy una tumba, de Khris Cembe; A nena azul, de Sandra Sánchez; La noche, de Martín Romero; e El Espectrorum, de Judith Adataberna. Ademais, a curta de animación Soy una tumba foi seleccionada polo festival de Clemont-Ferrand para competir dentro da súa sección internacional.
-
FEST Galicia compite na candidatura de mellor activación de marca xunto a outros nove finalistas nesa mesma categoría, entre os que se atopan as campañas desenvolvidas por importantes firmas comerciais, algunhas delas mesmo en eventos galegos, como son Super Bock no SonRías Baixas e Estrella Galicia no Festival Sinsal. No caso de FEST Galicia, a valoración realizouse sobre o traballo global levado a cabo durante o pasado verán nos seus 10 festivais galegos adheridos, a través de accións relacionadas coa sostibilidade ambiental, a igualdade, a promoción da lingua e a difusión de programas destinados á mocidade. Os Iberian Festival Awards premian o labor dos festivais que se organizan en España e Portugal, seleccionando 10 entidades en cada categoría.
-
ArtesaCía representa a comedia ‘Chola a it girl’ dentro do programa de residencias artísticas do CDGArtesaCía traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago, onde desde o día 31 ao domingo 3 de febreiro representará a comedia Chola a it girl. Farao como unha das cinco compañías que participan esta temporada no programa de residencias artísticas da compañía pública, que pon á súa disposición as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas. No caso de ArtesaCía, a peza teatral Chola a it girl forma parte do proxecto transmedia Chola&Lola, con creación, dirección e interpretación de Laura Villaverde.
-
Coa participación de empresas e institucións procedentes de quince países de catro continentes, a terceira edición de Fairway será a máis internacional das celebradas ata agora deixando patente o interese que a peregrinación xacobea esperta fóra das nosas fronteiras. Así o salientaron os organizadores deste foro do Camiño na presentación do evento, que terá lugar entre o 10 e o 12 de febreiro no compostelán Palacio de Congresos e Exposicións. A feira, que medrará un 20% con respecto á pasada edición, será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago.
-
O novo volume La letteratura galega. Autori e testi verte ao italiano medio cento de textos arredor doutras tantas figuras das Letras Galegas, da man dos tres Centros de Estudos Galegos (CEG) italianos -Padua, Roma e Perugia- da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos e no marco da colección Finisterrae. O proxecto ten como obxectivo ofrecer unha obra de referencia e utililidade para quen se acheguen ás letras galegas, así como abranguer o ámbito universitario e literario da Italia máis galega, da Galicia máis internacional. O libro, coeditado polos profesores Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero (CEG de Padua), está prologado polo profesor, investigador e académico da RAG Xesús Alonso Montero.
-
A programación de Pequefilmes abrangue todas as etapas da infancia, con tres seccións diferenciadas por idades: Vagalumes –de 0 a 3 anos–, Miñocas –para maiores de 4 anos– e Fanecas –a partir dos 7 e ata os 12 anos de idade–. En total durante os días 26 e 27 de xaneiro realizaranse no Museo Centro Gaiás máis de 150 proxeccións de curtametraxes procedentes de 30 países. Unha ampla escolma de películas con variedade de estilos, temáticas e historias para espertar a curiosidade e o gusto polo audiovisual de calidade entre a cativada. Catro traballos feitos na nosa comunidade poderán verse na sección a concurso de Pequefilmes.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aspirou hoxe a celebrar o mellor Xacobeo na mellor Galicia da nosa historia e recordou que non é só un proxecto de Galicia, senón de toda España: “Estamos a falar dun dos acontecementos turísticos e culturais máis relevantes que vivirá o conxunto do país nos vindeiros anos”, aseverou, invitando a todas as comunidades e ao Goberno central a cooperar neste gran proxecto. Durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur, Feijóo asegurou que o Xacobeo 2021 será un punto de inflexión na historia turística da Comunidade, como o foi o primeiro gran Xacobeo celebrado en 1993, e, con ese obxectivo, dixo, “Galicia xa empezou a preparalo e a celebralo”.
-
A Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Ilustración o próximo mércores 30 de xaneiro poñendo en valor a obra do artista vigués Federico Ribas Montenegro, protagonista desta data que promove a Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a través do Calendario do libro e da lectura 2019. Ademais de adicarlle o Día da Ilustración a Federico Ribas Montenegro, a Biblioteca de Galicia tamén acollerá unha mostra de pequeno formato na que se exporán algunhas das obras máis singulares do ilustrador, debuxante e publicista.
-
O novo itinerario que botará a andar por vez primeira nesta edición achegará aos viaxeiros á realidade viva da peregrinación xacobea. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de Samos (Camiño Francés). Percorrerá así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia e reforzará á Ruta dos Mosteiros, iniciada a temporada pasada, ao incluír neste novo itinerario dous importantes exemplos do extenso e rico patrimonio monacal galego, ambos estreitamente vinculados aos camiños xacobeos de peregrinación.
-
O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves no Salón Teatro de Santiago o espectáculo internacional Doppelgänger, resultado dun proceso de creación colaborativo entre a compañía galega Berrobambán e a colombiana El Arca de N.O.E. co apoio da unidade de produción teatral da Xunta. O espectáculo, que toma o seu título do termo alemán que significa “o dobre que camiña ao lado”, poderá verse na sede do Centro Dramático Galego ata o día 27, con funcións ás 20,30 h. de xoves a sábado e ás 18,00 h o domingo. A peza destaca pola súa coidada estética e pola concentración da acción nun só escenario.