Noticias
-
A sétima edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas, desenvolverase do 10 ao 13 de xuño baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega. A implicación directa deste colectivo empresarial no proceso de xestión do evento é a principal novidade deste ano, a través da que a Administración autonómica busca estreitar o diálogo co sector e, en consecuencia, reforzar a finalidade coa que Galicia Escena PRO botou a andar en 2013 para servir de estímulo á contratación dos espectáculos producidos na nosa Comunidade. O mercado acaba de abrir ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15.00 h, o prazo para que as compañías galegas inscriban as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia.
-
O ciclo 'Cultura no Camiño' entra na recta final da súa sétima edición con 60 actuacións en setembroO ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
-
A Xunta coordinará co Ministerio de Cultura e Deporte a próxima celebración, en Santiago de Compostela, dunha xuntanza do Consejo Jacobeo na que se invite a participar ás comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago e que non están integradas neste organismo. O obxectivo é implicar a todas elas na celebración do Xacobeo 21 por tratarse dun acontecemento estratéxico para o conxunto do Estado. Esta decisión foi tomada no transcurso da 53ª edición da Feira Internacional ITB de Berlín, unha cita na que Galicia promove cada ano a súa oferta turística neste mercado, o segundo do que proceden máis viaxeiros e que move máis peregrinos.
-
Esta mostra foi realizada en colaboración co museo M-Museum Leuven de Bélxica onde, entre outubro 2018 e xaneiro 2019, tivo lugar unha exposición retrospectiva de René Heyvaert, comisariada por Eva Wittockx e Peter Swinnen e realizada con fondos propios e obras pertencentes a outros museos, como o S.M.A.K. de Gante ou o MHKA de Amberes, e a coleccionistas particulares de Bélxica. Ambas exposicións comparten un mesmo núcleo de obra, aínda que difiren nas súas formulacións e percorridos. Ademais, o CGAC contou nesta ocasión coa entidade que xestiona o patrimonio do artista, representado na actualidade pola galería Clearing de Bruxelas e Nova York.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a creación das medallas Emilia Pardo Bazán, que inician a súa tramitación e distinguirán as persoas e/ou institucións que coa súa traxectoria ou labor contribuísen e destacasen no desenvolvemento de accións relevantes en favor da igualdade entre homes e mulleres na nosa Comunidade. Deste xeito Galicia quere demostrar a súa gratitude a quen, a través da súa loita pola igualdade constrúe unha sociedade galega mellor para as xeracións que están por vir e ademais recoñecer a traxectoria de todos e todas os que traballan para erradicar as desigualdades de xénero que aínda persisten.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia ofrece esta semana o seu tradicional ciclo Olladas de muller, organizado cada ano en colaboración co Consello da Cultura Galega para conmemorar o Día da Muller. Entre o 6 e o 9 de marzo, a sede coruñesa da cinemateca proxectará oito películas dirixidas por realizadoras galegas e portuguesas para dar conta das últimas tendencias do cine que se está a facer a ambas beiras da raia. A cita arrancará o mércores ás 18,00 h. con Arte+muller+Galicia, unha proposta da experimentada comisaria de arte Rosario Sarmiento sobre a historia recente deste medio en Galicia, contada polas voces das mulleres que marcaron a creación contemporánea nas últimas décadas.
-
O Altantic Emprende + Gaiás volve na súa segunda edición para analizar as transformacións no sector da música e da organización de festivais. O evento, que terá lugar o sábado 30 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, combinará relatorios con expertos e expertas da industria musical, actuación de bandas como Mare Ladson o Mordem, exposicións de carteis realizados polo recoñecido deseñador catalán Xavi Forné (do estudio Error! Design), e un menú especial do cociñeiro Luis Veira, chef galego galardoado cunha estrela Michelin. Esta edición contará cunha exposición de carteis de grupos musicais deseñados por Xavi Forné, autor de pósters para bandas internacionais como Wilco, Mastodon ou The Black Keys.
-
A décimo quinta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 3 ao 7 de abril, anuncia un interesante programa de actividades paralelas enfocadas á formación e ao diálogo con diferentes disciplinas artísticas. Baixo o título 'Eppur se muove (E, sen embargo, móvese)' o festival de cinema tudense propón un programa que conecta o traballo de cineastas e fotógrafos. Estas duas formas de expresión artística están a vivir un momento de especial efervescencia creativa, especialmente entre autores e creadores galegos. O obxectivo deste programa é establecer un diálogo entre ambas disciplinas. Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva.
-
A compañía galega Contraproducións e o Centro Dramático Galego (CDG) estrean este xoves no Salón Teatro de Santiago o espectáculo A compañeira de piso, desenvolvido co apoio da Xunta ao abeiro do programa de coproducións da compañía pública. As actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez poñen en escena a adaptación desta comedia da norteamericana Jen Silverman sobre dúas mulleres maduras que, con situacións contrapostas, se enfrontan a un importante cambio vital. Cándido Pazó e Belén Pichel dirixen esta proposta, que ultiman estes días co resto do seu equipo e co apoio técnico do CDG no Salón Teatro.
-
A Rede Galega de Teatros e auditorios acolle a estrea en Santiago do novo espectáculo de ExcéntricasCarpe Diem, o novo espectáculo da compañía galega Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta é unhas das 10 montaxes que se presentan este semestre diante do público compostelán a través deste circuíto da Xunta de Galicia, cofinanciado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades xestoras dos 40 espazos asociados. En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa.