Noticias
-
A exposición amosa un total de 12 paneis que achegan ao visitante á persoa de Antonio Fraguas. Deste xeito, o panel Universo Insuela fai referencia á infancia e ao contacto que Antonio Fraguas tivo desde o berce coa cultura popular. En 'O destino non estaba escrito' preséntase un punto de xiro na vida daquel neno que parecía abocado a emigrar ao Brasil e Pontevedra, o primeiro agromar galeguista fala dos seus anos como alumno de secundaria e da decisiva influencia dos profesores que atopou na cidade do Lérez, como Castelao, Sobrino Buhigas ou Losada Diéguez. Así mesmo, 'Santiago, a cidade no corazón', aborda a súa etapa como estudante universitario, que trae o ingreso no Seminario de Estudos Galegos e nas Irmandades da Fala.
-
Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) inicia os Domingos de Conciliación asociados á representación da súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, no Salón Teatro de Santiago. Trátase dun servizo gratuíto pensado para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo. Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, volverá ser a encargada de impartir estes obradoiros na Fundación Granell, onde os cativos pasarán unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.
-
A Cidade da Cultura de Galicia puxo o foco no importante valor do fútbol como ferramenta de inclusión social e superación persoal na mesa redonda organizada esta tarde, dentro da programación de actividades ao redor da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, que acolle ata o 1 de setembro o Museo Centro Gaiás. Esta xornada dálle continuidade ao programa de actividades que se puxo en marcha para dinamizar e arroupar Valor e mestría, a exposición sobre os 143 anos de historia do fútbol galego. Abriuse ao público o pasado 15 de abril, está organizada pola Xunta de Galicia coa Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander e a Secretaría Xeral de Igualdade.
-
O xurado do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia, reunido a pasada semana en Santiago de Compostela, decidiu recoñecer o académico e investigador George Greenia pola súa “fecunda traxectoria universitaria, vinculación con Galicia e contribución á difusión internacional do fenómeno xacobeo”. Ao comunicarlle a decisión, o premiado declarou que aceptaba este “xeneroso recoñecemento dos esforzos” realizados a través do Instituto de Estudos das Peregrinacións da William & Mary, unha institución con sede na cidade estadounidense de Williamsburg e centrada na “ investigación científica das viaxes de transformación persoal en todo territorio, tempo e tradición”.
-
A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo sétima edición do 26 de abril ao 12 de maio cunha carteleira que inclúe cinco citas coreográficas programadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. No Pazo da Cultura carballés terán lugar as actuacións de Entresoños, de Fran Sieira (26 de abril); Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego (27 de abril); Plastic, de Paula Quintas (3 de maio); La desnudez, de Daniel Abreu (4 de maio), e Gaia, de Entremans (5 de maio). Como peche especial, o 12 de maio terá lugar unha gala de baile tradicional.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves día 11 no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común. Este eixo temático compartido é o resultado da participación de ambos os autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, do que formaron parte xunto a outros 10 integrantes e baixo a coordinación do escritor e director teatral Manuel Lourenzo.
-
O mercado MIPTV arranca hoxe na localidade francesa de Cannes, ata onde se desprazou unha delegación do audiovisual galego baixo a marca Films from Galicia. As empresas CTV, DocsHub, Portocabo, Somadrome, Treeline Distribution e Voz Audiovisual participan nesta misión institucional e comercial á que é a meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión. Como en anos anteriores, o punto de encontro da delegación galega en MIPTV é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.
-
A Ribeira Sacra foi elixida hoxe candidata de España para Patrimonio Mundial da UNESCO. Así o ditaminou por unanimidade o Consello de Patrimonio Histórico, reunido no mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil (Nogueira de Ramuín). A Ribeira Sacra abrangue 22 concellos das provincias de Ourense e Lugo, entre os vales do Sil e o Miño. Reúne un conxunto de cenobios, mosteiros, igrexas, capelas e cruceiros que, pola súa variedade e densidade, configuran un espazo cultural único en todo o mundo, destaca o Consello de Patrimonio Histórico. A candidatura española será presentada ante o organismo internacional en febreiro de 2020 e a inclusión resolverase en 2021.
-
Este órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel están representados todos os directores xerais con competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte. Hoxe celebrouse apertura deste Consejo que se celebra estes días no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. A orde do día inclúe a exposición dos aspectos técnicos da candidatura da Ribeira Sacra.