Noticias
-
A xuntanza, que dá continuidade aos traballos iniciados no Pleno da Comisión, permitiu acordar a definición das liñas estratéxicas do vindeiro Ano Santo, paso previo á redacción do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021. Estas liñas estratéxicas deberán perseguir o obxectivo xeral de potenciar e actualizar a marca Galicia, reforzando a proxección internacional do noso país, impulsando a renovación da oferta galega e consolidando Galicia como un destino único, referente cultural e turístico. A Comisión Executiva do Xacobeo 2021 informou das últimas decisións aprobadas a nivel nacional no Consejo Jacobeo.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugurou Without, a nova mostra temporal dedicada neste caso a un dos artistas portugueses máis reputados na actualidade, o lisboeta Julião Sarmento. O traballo de Julião Sarmento formalízase desde o fronteirizo. Moitas das súas obras conteñen imaxes de imaxes e están relacionadas entre si, aínda que funcionen de maneira independente. Toda a obra de Julião Sarmento proxecta unha sensación cinematográfica, porque no que vemos sempre intuímos algo que se mantén ausente, fóra de escena.
-
PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival son os 10 eventos asociados a esta primeira temporada de FEST Galicia. Os 10 festivais de verán asociados este ano á marca FEST Galicia congregaron preto de 200.000 asistentes, que foron así mesmo os receptores das diferentes actividades de promoción e concienciación desenvolvidas baixo esta iniciativa.
-
O mestre do cinema xaponés Yasuzô Masumura é obxecto desde hoxe e ata finais e mes dunha retrospectiva no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia, que lle ofrece ao público galego seis títulos claves na súa extensa filmografía. Organizado en colaboración coa Filmoteca Española e Japan Foundation, o ciclo Yazusô Masumura. Retratos ao límite busca afondar na particular ollada, en ocasións extrema e fóra do convencional, dun cineasta referente en Xapón, pero pouco coñecido en Occidente.
-
O Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro, un evento organizado polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC en colaboración co Museo Provincial de Lugo co gallo da celebración do 70 aniversario do museo lugués, congregará do 7 ao 9 de novembro na capital amurallada a expertos internacionais en ourivería antiga. Este evento monográfico sobre arqueoloxía do ouro en Galicia, para o que xa se cubriron as 140 prazas de matrícula ofertadas, servirá para poñer en valor a importancia da ourivería tradicional galega, tesouros herdados das poboacións castrexas e romanas.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) comparten nesta recta final do ano un programa de proxeccións, conversas e instalacións arredor da videocreación galega, que arranca esta mesma tarde na sede coruñesa do CGAI. Este é o primeiro dos ciclos do proxecto Mirada país, a través do que a Consellería de Cultura e Turismo busca poñer en valor a potencialidade da creación audiovisual galega, fóra dos xéneros e canles de exhibición máis convencionais. Este primeiro ciclo de Mirada país articúlase arredor de catro sesións de proxeccións e debates con algúns dos videocreadores programados.
-
Un total de 69 xogadores galegos, procedentes das catro provincias galegas, participan nesta edición do Mundial, a máis numerosa das tres celebradas ata agora nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12. Durante as 11 rondas que se disputarán ata o día 16 de novembro medirán as súas forzas con rivais de 85 países, once dos cales lograron xa, a pesar da súa curta idade, algúns dos títulos máis prestixiosos que outorga a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), como o de Mestre Internacional ou Mestre e Mestra FIDE. Máis aló do aspecto deportivo, a celebración do Mundial de Xadrez Cadete no Gaiás supón un impulso excepcional para o sector turístico de Galicia.
-
As titulacións que se abordarán ao longo deste curso divídense en dous grupos. Por unha banda, 7 titulacións que, aínda que contan con demanda, están a ofertarse en máis dunha universidade do sistema. Neste caso proporanse accións para diversificar a oferta mediante orientacións. Por outra banda, traballarase na redefinición de tres parellas de enxeñarías habilitantes que se imparten en dúas universidades diferentes e comparten unha falta xeneralizada e persistente de alumnado. Ningunha destas parellas de enxeñarías acada no presente ano académico os 50 alumnos matriculados.
-
O proxecto Stay here, do sevillano Alejandro Ginés, resultou gañador da VI Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos (EAN) 2018. Trátase dunha peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, que converte as edificacións ideadas por John Hejduk –e construídas por Peter Eisenman no Gaiás a modo de homenaxe– nunha especie de enxeñosa matrioska, que convida á participación de quen a ve, tanto no seu posible manexo como nas súas múltiples lecturas.
-
O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) presenta a vindeira fin de semana en Santiago a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro), espectáculo escrito e dirixido por Pablo Fidalgo, que se representará no Salón Teatro do 2 ao 4 de novembro, con funcións ás 20,30 h. o venres e sábado e ás 18,00 h. o domingo. Trátase da terceira coprodución da compañía pública que sube ao seu escenario neste inicio da temporada 2017-2018, que arrancou coa estrea de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, de Pistacatro, á que seguiu o regreso de Elisa e Marcela, de A Panadaría.