Noticias
-
A terceira edición do ciclo Gran teatro para os máis pequenos, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) na súa sede do Salón Teatro de Santiago, remata esta semana con dúas funcións do espectáculo Muiñada, da compañía Galeatro. As representacións terán lugar mañá xoves, ás 19,00 h., e o venres 4, ás 12,30 h., precedidas de cadansúa sesión do taller Cántame un conto. O espazo sonoro e os contos, no que as nenas e nenos inscritos terán a oportunidade de afondar xogando en diferentes conceptos que verán a continuación sobre o escenario.
-
A Cidade da Cultura de Galicia continúa a despregar actividades ao redor de Castelao maxistral, a exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia a ‘A derradeira leición do mestre’, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Este programa arrancará en 2019 cunha xornada dedicada ao exilio xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo que artella o relato da mostra. En xaneiro, o Gaiás acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia cun repertorio centrado nos países que percorreu Castelao, e un encontro con persoas refuxiadas en Galicia.
-
Asaka dá ao prelo Wakaba syuu (2018), que cunha escolma representativa duns 60 poemas traducidos ao xaponés dun total de 137 –e das cinco seccións nas que se divide a obra (Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos) na que non faltan pezas emblemáticas como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra ou Tecín soia a miña tea– se suma ás traducións á lingua nipoa xa feitas dos Cantares gallegos (2002 e 2005) e dos Contos da miña terra (2013) para completar con esta derradeira entrega a edición bilingüe xaponés-galego da obra de Rosalía de Castro.
-
Queda establecido que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense en dúas zonas diferenciadas: a do BIC; e a de amortecemento. Ademais de incluír unha serie de bens individuais: os que gozan xa da máxima protección -70 Bens de Interese Cultural entre inmobles (58), mobles (3) e manifestacións do patrimonio inmaterial (9)-; 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, é dicir, que se sitúan dentro da zona BIC e de amortecemento do ben que se declara polo presente decreto.
-
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle esta fin de semana a montaxe Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, a segunda das tres propostas do ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos, organizado polo Centro Dramático Galego (CDG) como unha programación especial de Nadal que combina espectáculos con talleres infantís. A asistencia ás funcións, que terán lugar o sábado 29 ás 19,00 h. e o domingo 30 ás 12,30 h., pode combinarse coas dúas entregas do taller titulado Visto non visto, dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos.
-
No evento, que se celebra ata o 5 de xaneiro, participan un total de 25 obradoiros pertencentes á marca Artesanía de Galicia, especializados en oficios como a xoiaría, o coiro, a cerámica, o téxtil, a elaboración de calzado e de zocos, a talla en madeira ou a aplicación do oficio tradicional das colareiras aos complementos. A mostra complétase coa participación dun obradoiro especializado no téxtil procedente do Norte de Portugal.
-
A celebración do XIII Festival Internacional Rebulir (FIR) de baile e música tradicional inclúe variadas accións culturais que se desenvolven en Ourense, Celanova e Ramirás ata este sábado día 22, data na que terá lugar a actuación central e a entrega de premios. O Festival Internacional Rebulir estase a converter en punto de referencia na recuperación da música e o baile tradicional, grazas ao traballo desenvolvido por esta asociación a través das súas actividades de recuperación, aprendizaxe e divulgación da cultura galega.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela. A programación especial para estas festas desenvólvese arredor de tres espectáculos das compañías Xarope Tulú, Malasombra Producións e Galeatro, precedidos doutros tantos talleres baixo o lema común Saca a arte que levas dentro e directamente relacionados co que as nenas e nenos verán a continuación no escenario.
-
O Teatro Principal de Ourense anunciou a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019 e dentro da que se inclúen as tres funcións que ofrecerá como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios. Exhibiranse os espectáculos teatrais Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil, o 10 de febreiro; A leituga, da compañía galega Eme2, o 16 de febreiro; e Carpe diem, da tamén galega Producións Teatráis Excéntricas, o 7 de abril. Con estas propostas darase continuidade á programación que o Teatro Principal leva a cabo desde hai dúas décadas como integrante da rede da Agadic.
-
Inaugurada hoxe no concello lucense de Portomarín a exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A mostra fotográfica realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na peregrinación a Compostela. Ao longo deste cuarto de século o Camiño Francés avanzou de maneira notable en todos os aspectos relativos á súa xestión e posta en valor.