Noticias
-
A Xunta de Galicia celebrará o décimo oitavo aniversario da declaración por parte da Unesco da Muralla Romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade cunha mesa redonda no salón de actos da Delegación Territorial e unha exposición con paneis que describen de maneira gráfica as actuacións realizadas nos últimos anos e as propostas que se van desenvolver nos próximos meses. Coincide esta celebración coa do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
-
Na cidade do Douro, darase cita medio centenar de representantes das 37 empresas audiovisuais acreditadas este ano, cifra que dá conta do progresivo incremento do nivel de participación neste foro bilateral, orientado a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso. Pola banda galega, desprazaranse 14 empresas: Agallas Films, Congo Producciones, Control Z, Ficción Producciones, Filmax, Filmika Galaica, Mondotropo, OlloVivo, Portocabo, Sete Media, Somadrome, Sun Lúa, Voz Audiovisual e Zenit TV. En canto á delegación portuguesa, asistirán 23 produtoras.
-
Sonidos Mans, o programa de apoio ao talento musical organizado pola Fundación Paideia Galiza acaba de pechar a súa segunda edición, durante a que cinco bandas emerxentes tiveron a oportunidade de tocar en diferentes festivais galegos de verán, así como de gravar un tema e un vídeo. Os grupos pontevedreses Innertes e La Cloaka Sound & J.C.A. foron elixidos xunto a The Niftys (Albacete), The Dawlins (Madrid) e Doña (Navarra) para participar nesta iniciativa. O Son do Camiño, PortAmérica, Vive Nigrán, Atlantic Fest, SinSal Son Estrella Galicia, Revenidas, O Marisquiño e Festival de la Luz foron os oito eventos colaboradores desta segunda edición e os encargados de seleccionar que bandas.
-
O artista José Rosendo Cid Menor (Ourense, 1974) foi o gañador do I Premio CGAC de Investigación e Ensaio polo texto A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria. O galardón, dotado con 3.000 euros, implica tamén a súa publicación, co que inaugurará unha nova colección titulada CGAC_Ensaio. Coa posta en marcha deste premio, o CGAC avanza no seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e de favorecer a comunicación social das artes plásticas. Con este fin, o centro vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea.
-
A feira das industrias culturais Culturgal anunciou hoxe a programación completa que desenvolverá do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema Ti marcas o compás. Será a undécima edición deste evento. Un ano máis, a Asociación Culturgal, da que forman parte cinco asociacións profesionais que representan máis de 150 empresas do sector, encárgase da organización deste multitudinario evento, que o ano congrega arredor de 15.000 visitantes.
-
As bandas galegas terán unha importante presenza na décima edición da Monkey Week Son Estrella Galicia, que por terceiro ano consecutivo se celebra en Sevilla. Once delas desprázanse ata a capital sevillana co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través do acordo acadado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a organización deste encontro internacional para dar conta –baixo a marca GalicianTunes– da puxanza da nosa escena musical independente a nivel estatal. Novedades Carminha é, por exemplo, un dos cabezas de cartel da que é a edición máis grande, profesional e internacional da Monkey Week, que se desenvolve durante toda a semana en numerosos escenarios de Sevilla.
-
A oitava edición de AuGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, arrancará este mes de novembro con cadanseu obradoiro sobre cor e dirección de fotografía, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra os vindeiros días 26 e 27, respectivamente.Estas serán as primeiras das oito sesións programadas ata mediados de abril no marco desta iniciativa formativa que promoven a Agadic e a Universidade de Vigo.
-
Un total de 1868 alumnas e alumnos de 61 centros educativos galegos – case o 90% deles públicos– cursan este ano académico a materia de xadrez. Esta disciplina contribúe ao desenvolvemento de técnicas de traballo en equipo e facilita a socialización entre o alumnado, favorecendo as relacións de cooperación e a adquisición de hábitos de convivencia democrática, entre outras vantaxes. Tanto a UNESCO, como o Parlamento Europeo, o Congreso dos Deputados, o Senado e o Parlamento de Galicia teñen recomendado a introdución do xadrez na escola.
-
O Actor Tamár Novas, o Director Jorge Coira ou o dramaturgo Sergi Belbel, entre outros, falarán de creación, actuación e creación de ficción en Galicia. Forma parte do amplio programa organizado para conmemorar o 30 aniversario de Achádego Teatro. Todas as conferencias terán lugar no Auditorio do Vello Cárcere de Lugo ás 20:00 e ás 18:00. Achádego Teatro quere celebrar esta especial festa do teatro invitando a reflexión sobre a situación actual da actuación, producción, e escritura en ficción. Para iso organiza estas 'Xornadas teatrais' nas que participan un total de 10 ponentes relacionados co mundo da actuación.
-
Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, é a obra gañadora do XXIV Premio Álvaro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da escrita dramática en galego. Así o decidiu o xurado dos galardóns literarios que convoca a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e que tamén recoñeceu Somos os monstros, de Paula Carballeira, co X Manuel María de literatura dramática infantil.