Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas, desenvolverá a súa nova edición do 10 ao 13 de xuño
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/galicia_escena_pro_2019.jpg)
O mercado acaba de abrir ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15.00 h, o prazo para que as compañías galegas inscriban en www.galiciaescenapro.gal as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia, tanto xa estreadas –non antes do 1 de xuño de 2018– ou preparadas para seren estreadas neste encontro, como en fase de proxecto.
Dirección artística da asociación
Tras a finalización do prazo, unha dirección artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións galegas que se exhibirán no programa de espectáculos, así como os proxectos que se presentarán en formato pitching diante dos profesionais acreditados.
Galicia Escena PRO mantén como prioridade estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais. Ao tempo, incídese na posta en valor e na proxección social da creación galega, da que se exhibirá unha escolma en catro escenarios: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.
Como en anos anteriores, o mercado abriralle a súa carteleira de espectáculos tanto aos axentes culturais acreditados como ao público non profesional. Así mesmo, os profesionais asistentes –para os que o prazo de inscrición se abrirá proximamente a través do mesmo web– terán a oportunidade de coñecer de primeira man diferentes proxectos nos que están a traballar compañías galegas, que lles serán presentados na xa habitual sesión de pitching.
A pasada edición deste mercado serviu de escaparate para a compra-venda de montaxes escénicas diante de preto de 200 axentes culturais, entre os que se atopaban programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras. Ademais, os espectadores non acreditados tiveron a oportunidade de asistir de xeito gratuíto ás 19 funcións programadas (17 galegas e dúas en intercambio coa MADferia de Madrid) ata completar a capacidade dos espazos.
R.