Noticias
-
Máis de 150 axentes culturais de Galicia e do resto de España reuniranse do 10 ao 13 de xuño en Santiago de Compostela para participar na sétima edición de Galicia Escena PRO que, como en anos anteriores, tamén abrirá o seu programa de espectáculos ao público xeral. O seu principal obxectivo é servir de escaparate para a compra-venda de producións galegas de teatro e danza, para o que se convida a asistir os responsables da programación de teatros, auditorios e festivais, así como de compañías e empresas distribuidoras. Entre os acreditados este ano, atópanse profesionais chegados de toda Galicia, pero tamén doutros puntos de España.
-
'Elisa e Marcela', a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV chega esta fin de semana ás salas de cine despois de ter desenvolvido maioritariamente unha rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual. A filmación supuxo 13 xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación. Durante este tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de figuración en 191 convocatorias de traballo. A fita, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 —no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España— está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández.
-
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma. Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo.
-
A lingua galega escoitouse por vez primeira desde as pantallas de cinema do Festival de Cannes na estrea este mediodía da película de Oliver Laxe O que arde, coa que foi seleccionado para competir na sección Un Certain Regard, que o certame francés lle dedica a obras con olladas cinematográficas orixinais e diferentes. O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador. A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe.
-
A sétima edición de Galicia Escena PRO inclúe no seu programa tres espectáculos procedentes de Madrid, Cantabria e País Vasco dentro das vías de colaboración abertas tanto con MADferia como co proxecto Camiño Escena Norte. Trátase das propostas de Rotura Producciones, Café de las Artes Teatro e Hortzmuga Teatroa, que compartirán cartel cos 17 espectáculos galegos e os 10 proxectos en formato pitching seleccionados para esta nova entrega do evento. Refórzase así o programa de intercambio con outras comunidades autónomas que Galicia Escena PRO puxo en marcha en 2016 e que, ademais de presentar en Galicia unha mostra da produción escénica doutros puntos de España, facilita a incorporación de compañías galegas nos carteis dos eventos colaboradores.
-
Inaugurouse a mostra dedicada a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas no Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Trátase dunha exposición na que se inclúen as 40 pezas, entre as que se inclúen algunhas das obras máis importantes de Antonio Fraguas como etnógrafo e antropólogo. A exposición, que se poderá visitar ata finais do mes de agosto, trata de achegar aos visitantes á figura de Fraguas como historiador e xeógrafo, coa presenza de obras como Geografía de Galicia, título de referencia aínda hoxe para calquera estudo sobre este tema publicada en 1953. Tamén estarán presentes algunhas das súa obras sobre a Historia de Galicia ou o Colexio de Fonseca, tema da súa tese de doutoramento.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o programa Teatro Ob-sceno, un ciclo de accións escénicas curtas a través do que abre para a exhibición artística diferentes estancias da súa sede do Salón Teatro de Santiago, todas elas fóra do escenario. Neste caso, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollen as seis pezas desta edición, que se desenvolverá durante o mes de maio. O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio con outras tres pezas curtas, que se exhibirán nos mesmos horarios. No camerino, escenificarase Alicia morreu de sobredose, unha proposta de Rinoceronte Teatro creada e interpretada por Noelia Toledano.
-
Este programa ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dun xeito lúdico. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos, falando sempre de actividades de animación á lectura destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero no marco do programa Ler conta moito.
-
Presentouse hoxe en Pontevedra a vindeira edición de PortAmérica, que se desenvolverá en Caldas de Reis do 4 ao 6 de xullo cunha ampla carteleira de concertos de diversos estilos e con demostracións gastronómicas a cargo de recoñecidos chefs como actividades centrais. A empresa galega Esmerarte, organizadora do evento, reuniu os seus principais patrocinadores e colaboradores para dar a coñecer o programa completo do festival, no que actuarán máis de trinta bandas, entre elas Madness, Andrés Calamaro, Rozalén, Carlos Sadness, Depedro, Amaia, Carolina Durante, Zahara, Elefantes, Presumido ou Mon Laferte.
-
A Cidade da Cultura de Galicia presentará o 5 de xuño, nas Torres Hejduk, Plástico a mareas, unha intervención de María Arceo realizada a partir de refugallos deste material recollidos do río Sar e da costa galega para denunciar a contaminación na nosa contorna. Precisamente, hoxe a artista compostelá retirou en Santiago lixo neste caudal, dentro da iniciativa europea Ocean Initiatives Let´s clean up Europe! de recollida de desperdicios en espazos naturais. As accións en Galicia de Let’s clean up Europe! están promovidas por Viaqua, patrocinadora da intervención de María Arceo nas Hejduk. O venres tamén se levou a cabo unha iniciativa similar no río Lonia, en Ourense.