Noticias
-
As Torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia acollen desde hoxe ata o 18 de agosto Plástico a mareas, unha instalación artística de María José Arceo para alertar da alta contaminación que producen estes refugallos na contorna natural. María José Arceo realizou a intervención a partir de refugallos deste material recollidos da costa galega e do río Sar en Compostela, a súa cidade natal, aínda que vive desde 1984 en Londres. Deste xeito, a artista desprazouse durante o mes de maio a Galicia para realizar limpezas en praias, de xeito individual ou con colectivos, como un de persoas con discapacidade intelectual que asistiron hoxe á inauguración.
-
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso actúan este sábado 8 no encontro SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que arranca hoxe na capital de España. Ambos ofrecerán cadanseu showcase no Impact Hub Piamonte, onde se presentarán baixo a marca GalicianTunes On Tour diante dun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación de 11 países: Arxentina, Chile, Colombia, Corea, Emiratos Árabes, EE.UU., Holanda, México, Noruega, Reino Unido e Suíza. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid inaugúrase esta noite no Costello Club e a súa actividade continuará ata o sábado en diferentes espazos da cidade.
-
Concédese esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Marisa Crespo dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco no CHUAC. Teresa Portela é unha piragüista que compite na modalidade de augas tranquilas. As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Jeanne Picard fundou Stop Accidentes España despois de que un dos seus fillos falecese nun accidente de tráfico. E Benedicta Sánchez é unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, galardoada en Cannes.
-
O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo, promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración do Centro Coreográfico Galego (CCG) e do Concello da Coruña. Nesta obra os estilos neoclásico e contemporáneo conviven á hora de ofrecerlle ao público un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Joaquín Rodrigo como historia de superación. Baixo o subtítulo 'O neno que soñaba a música', o espectáculo preséntase como unha narración ilustrada por medio da danza e de numerosos fragmentos das obras do autor de Concierto de Aranjuez. A montaxe aborda a vida de Rodrigo desde a súa infancia en Sagunto ata o seu regreso a España tras a Guerra Civil.
-
Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe "Amal en Ruta 2019", unha mostra que nesta edición proxectará catro películas de ficción e dous documentais. As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: "Alma Mater", "Sheikh Jackson", "Of fathers and sons", "Zagros", "Ghost hunting", e "El Cairo Confidencial". O cartel do ciclo é unha fotografía da colección "Familias completas, familias incompletas", do fotoxornalista Sergi Cámara.
-
O Real Club Náutico de Vigo foi hoxe o escenario da presentación da serie galego-portuguesa Auga seca, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual. Na presentación participaron, así mesmo, a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual.
-
Presentáronse na Casa Habanera de Guitiriz as XII Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño nas comarcas de A Mariña e a Terra Chá. No marco desta iniciativa, impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño do Norte Abrindo Camiño e na que colaboran a Deputación de Lugo e os concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Foz, Barreiros e Guitiriz, realizaranse catro andainas no mes de xuño para impulsar o Camiño do Norte ao seu paso pola provincia de Lugo. As tres primeiras rutas serán os días 16, 23 e 29 de xuño e discorrerán pola variante marítima do Camiño do Norte, polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Lourenzá e Mondoñedo. A cuarta andaina será o 30 de xuño polo Camiño do Norte ao seu paso polas localidades de Baamonde, en Begonte, e Parga, en Guitiriz.
-
Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso. O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir “daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro”. En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo “forza para soportar”, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio.
-
Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel. Neste acto, ao que asistiu tamén un grupo de alumnos do centro, foron presentadas todas estas accións, e tamén se fixo entrega ao centro do cadro realizado polo pintor Manuel Romero con motivo desta celebración.
-
O Festival Interceltique de Lorient anunciou en París o programa da súa 49ª edición, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (ano de Galicia). O acto, para o que se contou coa colaboración da Embaixada de España, tivo lugar na sala Pan Piper da capital francesa e incluíu un concerto de Mercedes Peón co seu proxecto 'Déixaas'. Deuse así conta do especial protagonismo que a música galega terá do 1 ao 11 de agosto en Lorient, ata onde viaxarán máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival.