Noticias
-
A Cidade da Cultura convida as familias durante o Nadal a gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk –contando con visitas comentadas gratuítas– e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.
-
Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.
-
Esta mostra pode visitarse desde hoxe ata o 25 de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta mostra, onde destacou a importancia desta iniciativa para reforzar os nosos vínculos co país veciño. Neste sentido explicou que o programa Nortear, no que se enmarca a exposición e participa de forma activa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, supón unha oportunidade única para o intercambio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal arredor de todas as manifestacións artísticas.
-
Presentar unha primeira estimación do impacto da COVID-19 sobre a capacidade do Camiño Francés á hora de albergar peregrinos foi a meta do proxecto de investigación liderado por Roberto Bande Ramudo do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC. Ao abeiro da Cátedra do Camiño e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, este proxecto concluíu que “o impacto da pandemia sobre a capacidade de carga pode ser cualificado como moderado”. Pola súa parte e tamén no marco da mesma convocatoria, a investigación coordinada por Dolores Riveiro García, pertencente ao mesmo grupo de investigación, constatou que o perfil do peregrino non se viu afectado pola devandita situación de alerta sanitaria.
-
Do 14 ao 25 de outubro, o Festival Internacional de Teatro en Ourense (FITO) celebrará unha nova edición, a número trece. A cita adaptará a súa programación ás esixencias derivadas da loita contra a pandemia e contará con oito días de programación e once espectáculos que se desenvolverán na cidade de Ourense, como xa é habitual, pero tamén, e como novidade, no concello ourensá de Barbadás. O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a rolda de prensa de presentación do festival, no que colaboran Universidade de Vigo; Teatro Principal; Deputación de Ourense; Agadic e Concello de Barbadás.
-
Estréase en Vigo 'Cambio de foco', un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será o día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe. Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema.
-
A programación que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve na súa sede da Coruña avanza este mes na súa homenaxe ás pioneiras do cinema, dedicándolle tres sesións a Lois Weber, quen tras comezar a súa traxectoria como actriz, se converteu na primeira muller en dirixir unha longametraxe e nunha activa realizadora durante a segunda década do século XX. Tamén en decembro dá comezo unha ampla retrospectiva dos filmes do director xermano-estadounidense Robert Siodmak, un dos mestres do cinema negro e responsable do seu renacer en Hollywood.
-
A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición. Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”.
-
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, participou hoxe por videoconferencia na 87ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico na que se analizaron as candidaturas españolas, entre as que se inclúe a proposta de Galicia para a Ribeira Sacra, que serán avaliadas na próxima sesión do Comité do Patrimonio Mundial que se celebrará en China no verán de 2021. Así, co obxectivo de que a paisaxe cultural da provincia de Lugo e Ourense sexa incluída na prestixiosa Lista do Patrimonio Mundial durante a celebración da 44ª sesión estendida do Comité, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo un importante traballo técnico, impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para acreditar e defender os valores sobranceiros deste territorio.
-
A candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel acaba de superar o último trámite para poder someterse o próximo ano ao ditame definitivo da Unesco. Así o anunciou esta mañá en Chantada a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pouco despois de que lle comunicaran que o Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) acababa de darlle o visto bo por unanimidade ao expediente remitido pola Xunta hai un ano.