Noticias
-
A Xunta de Galicia vén de informar que non autoriza o traslado as estatuas do Mestre Mateo do seu actual emprazamento no Pazo de Meirás solicitado polos seus actuais titulares. O Goberno autonómico actúa así en base ás medidas cautelares do auto do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que determina que non se permita retirada de bens do inmoble mentres se realiza o inventario. As estatuas de Abraham e Isaac gozan da máxima protección grazas á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) aprobada pola Xunta o ano pasado e isto supón obrigas legais para os propietarios, entre elas, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado.
-
A Cidade da Cultura vén de transformar as Torres Hejduk nun banco sonoro e visual de memorias, pegadas e experiencias do Camiño recollidas durante este ano 2020, marcado pola pandemia da covid-19. Faino a través da intervención artística efémera A distancia da imaxe, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou tamén coa presenza do director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Manuel Prol, en representación da Fundación Banco Sabadell. A instalación, que poderá visitarse ata o 7 de marzo, forma parte dunha serie de intervencións artísticas realizadas neste espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo e enmarcadas na programación do Xacobeo 2021.
-
O grupo de expertos para a recuperación das estatuas do Mestre Mateo manterá a súa primeira reunión o próximo mércores logo de que a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago acordaran a súa composición. O obxectivo é estudar as últimas evidencias en torno ás figuras e valorar accións conxuntas para a súa reintegración no patrimonio público, seguindo unha folla de ruta sólida e consensuada como se fixo no caso do Pazo de Meirás. A constitución deste grupo de traballo xurde da necesidade de cooperar e avanzar de xeito conxunto entre as distintas administracións para analizar a nova documentación atopada, defender a protección patrimonial das estatuas e acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía.
-
A mostra poderá visitarse desde hoxe ata o 4 de abril do vindeiro ano na Cidade da Cultura, con motivo do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. É a primeira grande exposición que se fai desde o falecemento de Díaz Pardo, e trata de albergar todas as perspectivas dunha obra poliédrica que alcanza moitas miradas, pero un só compromiso ético e estético: Galicia. Diversas persoas e institucións achegaron as 265 pezas que constitúen a mostra: desde a propia familia Díaz Arias de Castro, a colección de Abanca ou o Museo Carlos Maside, entre outras moitas. A través de Sargadelos e do Laboratorio de Formas, Díaz Pardo recuperou elementos sobranceiros da nosa cultura e os convirteu en obxectos do día a día que habitan en fogares de dentro e fóra de Galicia.
-
A programación de novembro do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) arranca mañá coa proxección na súa sede da Coruña da primeira das sesións que lle dedicará ás directoras experimentais alemás Renate Sami, Ute Aurand e Dore O. como parte dunha carteleira na que tamén sobresae un ciclo cos seis filmes do filósofo, escritor e cineasta francés Guy Debord. O martes día 3 proxectaranse as fitas de Renate Sami Die Schutzfolie, Broadway Mai 95, Wenn Du eine Rose siehst, Filmtagebuch 1975-85, Japan März 2013 e Cape Cod, mentres que o xoves día 5 será a quenda dos filmes de Ute Aurand Am Meer, In die Erde gebaut, Kopfüber im Geäst, Sakura, sakura, Four Diamonds e Lisa. Ademais, o seu traballo Rushing Green with Horses poderá verse o sábado 7.
-
O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás. Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear a pandemia impiden que se desenvolva do xeito habitual.
-
Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos vanse incorporar á colección do CGAC-Xacobeo, polo que se enriquecen e complementan os fondos do centro. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou as creacións que resultaron seleccionadas ao abeiro deste programa de adquisición pública de obra de arte. Trátase dun total de 24 obras (algunhas delas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas seleccionadas pola comisión de expertos creada a tal fin entre unhas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a uns 190 artistas. Cómpre lembrar que este programa de adquisición pública de obra de arte púxose en marcha o pasado mes de xullo para que os artistas e as galerías de arte presentaran as súas solicitudes.
-
O programa 'Cultura no Camiño+' pecha este ano con 410 actuacións, a cifra máis alta da súa historiaO circuíto da Xunta de Galicia Cultura no Camiño+ acaba de pechar a súa edición de 2020 tras ter ofrecido a cifra de actuacións máis alta da súa historia pese á covid-19. Así, desde mediados de xullo ofrecéronse 410 actuacións de música, teatro, danza, novo circo e maxia en 133 concellos, que posibilitaron a contratación de máis de 160 formacións artísticas profesionais galegas. A posta en marcha do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19 permitiu incrementar en máis do triplo a dotación asignada a esa iniciativa, de xeito que a pesar dos adiamentos e cancelacións provocadas pola evolución da pandemia, a actividade deste ano superou en máis dun 45% á de 2019, cando se levaron a cabo 284 funcións.
-
Unha trintena de actividades celebrarán este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Xunta, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica. Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron en rolda de prensa a programación de actividades. No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participou tamén o autor do Manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas deste ano, o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.
-
Foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro “Don Ricardo de Fingoi”, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido. Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto “Don Ricardo de Fingoi”.