A Sala Ártika de Vigo estrea o proxecto 'Cambio de foco' en coprodución co Centro Dramático Galego

Marcos Alonso, Alfredo Rodríguez e Rafael Rey ocúpanse da dirección e dramaturxia baixo a coordinación xeral de Anxo Fernández. O elenco está conformado por Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey, Mathias Rodríguez, Carlos Gallardo e Tomé Mouriño.
Vigo como polo creativo
A iniciativa responde á colaboración que o CDG mantén esta temporada con espazos creativos e compañías escénicas que traballan na cidade de Vigo para o desenvolvemento doutras tantas coproducións, entre as que tamén se atopan Clásicas desfeitas de Nononon.lab e Outras miradas de Teatro Ensalle.
No caso da Sala Ártika, a súa traxectoria remóntase a 2014, cando abriu as súas portas co obxectivo de lles achegar aos amantes da arte unha nova visión do teatro e a danza. Para transmitir esta paixón pola cultura e as artes, incorporaron á súa actividade cursos e monográficos sobre numerosas áreas, que están dispoñibles ao longo de todo o ano. Adáptanse, ademais, ás distintas idades e niveis para contribuír a que tanto nenos coma mozos ou adultos inicien a súa formación artística.
Venda de entradas
As entradas para Cambio de foco están á venda de forma anticipada a través da web www.artikavigo.com ata unha hora antes de cada sesión por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes da sala por 14 euros.
R.