Noticias
-
Sae á luz unha nova edición do catálogo Films from Galicia nunha edición dixital interactiva que recolle 63 producións e proxectos de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e foros internacionais do sector e cos axentes de vendas e distribuidores como principais destinatarios. Publicada en inglés, a selección de obras das que se ofrece información complementa o vídeo do mesmo título, que foi estreado durante a cerimonia de entrega dos XIX Premios Mestre Mateo e que terá unha versión de duración reducida para ser proxectada nas salas de exhibición cinematográfica de titularidade galega.
-
A Cidade da Cultura de Galicia impulsou unha iniciativa no marco do Día do Libro coa representación de As enxeñosas do Fidalgo, unha narración musicada para cativada da primeira tradución completa ao galego do Quixote, realizada por un equipo de lingüistas dirixido por Valentín Arias, do que formaba parte a súa filla, Xela Arias, homenaxeada coas Letras Galegas 2021. A coñecida contadora Soledad Felloza e a Banda Municipal de Santiago de Compostela foron as encargadas de pórlle voz e música no Xardín do Teatro do Gaiás a extractos da novela máis universal de Cervantes. A narración musicada, ideada para un público familiar, tivo como protagonistas á pastora Marcela, Tareixa Panza, Quitería ou Claudia.
-
O festival Bal y Gay 2021 comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea e en colaboración coa Schubertiada de Vilabetrán. Nesta primeira entrega levaranse a cabo tres concertos en tres etapas do Camiño do Norte. A primeira destas citas será o 14 de maio e correrá a cargo da pianista Judith Jáuregui, na Basílica de San Martiño (Foz). Na xornada do día 14 actuarán Cuarteto Cosmos e o violonchelista Fernando Arias na igrexa de Santa María, en Vilanova de Lourenzá. O último concerto será o día 16 na Catedral de Mondoñedo co tenor Christoph Prégardien e o pianista Daniel Heide.
-
Camiño Creativo celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de promover novos modelos de negocio e xerar riqueza e emprego no sector da creatividade ao tempo que se reactivan os sectores económicos tradicionais. Así mesmo, a iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia, tamén procura favorecer a cohesión social a través do diálogo intercultural, preparar á mocidade para asumir o liderazgo na economía creativa, promover a difusión de coñecemento, a creatividade e espírito emprendedor e impulsar unha educación cultural aberta á sociedade.
-
A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.
-
A Biblioteca de Galicia acollerá ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez dos escritores galegos máis representativos do momento compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. Trátase de 10 anos, 10 autores, 10 libros, que comezará este venres e que se enmarca nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores.
-
A Filmoteca de Galicia estrea este mes a súa nova denominación oficial, baixo a que continuará desenvolvendo tanto o seu labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual como a actividade de exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña, bautizada co nome de José Sellier en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia. Nela programaranse 19 novas sesións ata finais de abril, entre as que se atopan os últimos filmes dos ciclos da cinemateca da Xunta sobre os icónicos cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai.
-
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, celebrará a súa oitava edición do 7 ao 10 de xuño, retomando así o seu papel como punto de encontro do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020. Repítese este ano a experiencia da organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega, co obxectivo de ofrecerlles ás compañías un escaparate para a difusión dos seus traballos entre os axentes culturais responsables de espazos, festivais e encontros escénicos de dentro e fóra de Galicia.
-
O novo Plan Catedrais que prepara a Xunta de Galicia blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027 para dar continuidade ao esforzo inversor dos últimos anos coa intención de seguir preservando o patrimonio. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita á Catedral de Mondoñedo onde anunciou un primer investimento de máis de 300.000 euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e nave central. O Plan Catedrais está neste momento en elaboración, en diálogo coas distintas dioceses.
-
A obra gañadora, 'Escenas, Imaxes e Sonidos do Camiño', editada por Galaxia en versións galega e en castelá, pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co Camiño desde diferentes ángulos culturais. O autor ofrece un texto elegantemente escrito, de sinxela e amena lectura, que captará a atención do público lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, galega, española e universal, a música sagrada e profana, o cine e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita desde unha visión global dun fenómeno como o Camiño de Santiago.