Noticias
-
'Memoria dunha década' está configurada en torno a 10 paneis que amosan algúns dos aspectos máis importantes da institución co obxectivo de visibilizar o seu papel e dar a coñecer o traballo que vén desenvolvendo dende a súa creación. Ademais, tamén amosan pezas dos fondos documentais custodiados no Arquivo de Galicia e agrupados por ámbitos temáticos. Concretamente, cinco dos paneis recollen mostras de fondos públicos e os outros cinco, documentos de fondos privados. Os materiais expostos supoñen unha pequena mostra extraída das 182.839 unidades de instalación que conforman os algo máis de 21 quilómetros de documentos do Arquivo. En total amósanse máis de 90 documentos, que dan conta dos diferentes fondos, tanto públicos como privados, que conforman o patrimonio documental custodiado polo Arquivo de Galicia.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) configurou a súa temporada escénica 2020-2021 arredor de tres novas producións propias: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te, doutros tantos espectáculos en réxime de coprodución e de novas iniciativas deseñadas para reforzar a vocación de servizo público e de cooperación co sector no actual contexto sociosanitario. Distintas accións para impulsar a programación do Salón Teatro no seu centenario, o apoio á creación dramatúrxica actual ou a colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia son tamén eixos estratéxicos que guiarán a actividade do CDG nos vindeiros meses, poñendo máis que nunca a atención no apoio á situación laboral dos profesionais da escena ao tempo que se proporciona unha oferta teatral variada e de calidade.
-
A compañía de teatro Cámara Negra estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela Clausura do amor, espectáculo realizado en coprodución co Centro Dramático Galego que poderá verse no escenario da súa sede ata o domingo. Trátase dunha das pezas máis representadas do autor, director e coreógrafo francés Pascal Rambert, levada a escena con versión e dirección de Carlos Álvarez-Ossorio e interpretación a cargo de Teté García e Xosé Manuel Esperante. Na obra, estreada no Festival de Avignon e traducida a máis de dez idiomas, o dramaturgo francés somete unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dunha relación en proceso de defunción.
-
O XVI Curso de Primavera da USC, un seminario de análise e debate que se desenvolverá os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, abordará a intervención de Roma nas comunidades indíxenas no marco dun intenso programa coordinado polos profesores de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña, xunto co catedrático xubilado da UPV-EHU Juan Santos Yanguas, no que intervirán como relatores 23 investigadores e investigadores procedentes de doce universidades e centros de investigación de España, Francia, Italia e Portugal.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Xunta de Galicia está a retomar a exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña cunha carteleira na que o cinema feito por e para mulleres centra a meirande parte das 20 sesións programadas durante este mes na cinemateca da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Dáselle continuidade, deste xeito, aos ciclos que tiveron que ser adiados a pasada primavera por mor do estado de alarma, ao tempo que se incorporan novas achegas en colaboración cos festivais de Cans, Diversidarte e (S8) Mostra de Cinema Periférico. Esta aproximación ás miradas femininas no cinema inclúe a serie documental Women Make Film, que consta de 40 capítulos.
-
A programación do Revenidas en Conserva terá lugar do 10 ao 13 de setembro como edición especial e en formato reducido do festival que se celebra cada verán no núcleo de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. O escenario onde se desenvolverán os catro concertos do cartel principal ten unha capacidade limitada a un máximo de 500 persoas e coa estrita aplicación das correspondentes medidas para garantir a seguridade de público, artistas e equipo técnico. Alí actuarán Sés e Zeltia Irevire o venres 11 e Ortiga e Dakidarría en acústico o sábado 12. O festival, que este ano lle concede todo o protagonismo á música e á cultura de Galicia, ten preparadas tamén diferentes actividades paralelas, de balde e con inscrición previa para o control da capacidade.
-
Ata o vindeiro 13 de setembro, poderase visitar na sede da institución académica a mostra comisariada por Asunta Rodríguez e que reúne unha escolma do traballo dos artistas galegos, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado. Concretamente expóñense 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
-
Fíxose entrega dos premios aos gañadores do certame Lingua de Namorar. Os seis autores das mellores mensaxes de declaracións de amor en galego na rede recibiron o seu premio logo de que o pasado maio o xurado ditaminara os gañadores. Este certame procura dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet. Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foron galardoados os traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).
-
O festival de danza Corpo(a)terra adiantou o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto. En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, hai varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival. A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado.
-
O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro. A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Poderase así gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención. As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual.