A exposición Noroeste cuarta Oeste: 'roteiros de ficción' promove a colaboración cultural Galicia-Norte de Portugal
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/noroeste-cuarta-oeste.jpg)
Así mesmo, Anxo M. Lorenzo explicou que este programa ten contribuído tamén ao intercambio de fondos bibliográficos entre as principais entidades asociadas á rede de bibliotecas e centros de documentación da Eurorrexión.
Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción percorre, a modo de singradura polo Atlántico, a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. A exposición, comisariada por Xaquín Núñez Sabarís, estrutúrase arredor de catro eixos: Os mapas do Noir, Néboas, misterios e monstros, O síndrome de Ulises e Camiños, Compostela.
Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos (desde literatura a filmes pasando polo teatro ou a banda deseñada) que compoñen a mostra deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño, mesmo diante da globalización dixitalizada do século XXI.
No acto de inauguración participaron, ademais do secretario xeral de Cultura, o director da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago, o xefe da División de Promoción e Dinamización Cultural na Dirección Rexional de Cultura do Norte, João Ribeiro da Silva, e o propio comisario da mostra.
Colaboración a través da cultura
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, e o Agrupamento europeo de Cooperación Territorial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), participan desde 2015 a través dun Memorando de Entendemento no Programa Nortear para fomentar o coñecemento mutuo e a difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.
As tres entidades, que colaboran de forma continuada, promoven diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación
R.