Noticias
-
Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.
-
Foi inaugurada nas Torres Hejduk 'O perpetuto tránsito cara ao presente', unha intervención artística do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos (Madrid, 1978), quen reconstrúe un orixinal sistema de rego, composto por 17 esferas de cristal de diferentes tamaños e feitas artesanalmente, en cuxo interior hai material orgánico (minerais, crustáceos, pedras...). A través destes cilindros, e coa choiva recollida no cumio da torre opaca, nútrese un viveiro con sementes, situado na torre de cristal, co obxecto de facelas xermolar. A idea é reflectir a importancia da auga como orixe da vida e xusto na mesma semana que se conmemora o Día Mundial da Auga.
-
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela a súa 16ª edición cunha carteleira de películas e actividades paralelas centradas en dar a coñecer os últimos e máis salientables traballos que se están a facer no eido da antropoloxía visual. A organización da Mostra desvelou os contidos completos do certame, que este ano se estrutura arredor da vintena de proxeccións da Sección Oficial e da de Fóra de Concurso, así como do apartado Impropias, que aborda a memoria histórica desde unha perspectiva de xénero, e Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela.
-
A Residencia Literaria Cidade da Cultura é un novo programa deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos. Trátase dun proxecto especialmente concibido para os menores de 35 anos, pero aberto a aspirantes de todas as idades no que, baixo a dirección do escritor Javier Peña, terán a oportunidade de compartir impresións e aprendizaxes con grandes figuras do panorama literario actual, como Sara Mesa e Berta Dávila, que participarán nesta primeira edición.
-
O CDG pon á disposición dos centros educativos e da sociedade en xeral o recurso pedagóxico 'Das musas ao teatro. O espazo do espectáculo en Galicia', destinado a achegarlles aos máis novos a realidade da escena. Trátase dunha publicación dixital elaborada por Sheila García Prado e Ana García Seoane ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O traballo inclúe un percorrido polos principais espazos teatrais de Galicia ─entre eles, o Salón Teatro de Santiago de Compostela, a sede do CDG─ e afonda nos elementos que conflúen na posta en escena dunha peza dramática, como as personaxes, a luz ou a escenografía.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) converterase na nova Filmoteca de Galicia coincidindo co seu trixésimo aniversario para reforzar o seu traballo arquivístico, de recuperación e dixitalización de fondos fílmicos. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade nun acto conmemorativo no día no que se cumpren 30 anos desde a súa apertura o 15 de marzo de 1991, e no que subliñou o papel do centro como “custodio do patrimonio audiovisual galego, garante da súa conservación e cómplice da súa difusión” que neste tempo soubo combinar a conservación e recuperación fílmica galega coa proxección de películas.
-
A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego (CDG) amosan ao público este mes de marzo os proxectos artísticos Clásicas desfeitas, coproducidos por ambas institucións da Xunta de Galicia no marco do programa das Residencias artísticas do Gaiás (REGA) 2021 impulsado polo Goberno autonómico. Nestas estadías creativas unha trintena de artistas traballaron con nove textos clásicos para reinterpretalos e ofrecer unhas anovadoras versións. O resultado do primeiro proxecto darase a coñecer esta fin de semana. Deste xeito, o sábado 13 e o domingo 14 de marzo a compañía Nononon Lab representará ás 12,00 h. nas Torres Hejduk o Volume I de Clásicas desfeitas.
-
O 2021 será o ano de maior actividade expositiva na Cidade da Cultura, cunha vintena de mostras e intervencións artísticas. Procúrase así consolidar o Gaiás como factoría cultural, provedora de contidos para outros espazos de Galicia, cun programa de itinerancias que levará proxectos como Galicia, de Nós a nós, As miradas de Isaac ou Galicia Futura a diferentes lugares da Comunidade. O complexo continuará, ademais, a liña de dixitalización iniciada en 2020 para seguir conectada co seu público a través das novas tecnoloxías, con tours virtuais, foros en streaming ou o programa didáctico de visitas a través de videoconferencias cos guías do Museo.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) vén de sumarse á iniciativa Temporadas de Igualdade MH nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de xénero na cultura Clásicas e Modernas. O director do CDG, Fran Núñez, formalizou a adhesión xunto coas representantes do colectivo en Galicia Mariana Carballal e Estíbaliz Veiga, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Deste xeito o CDG comprométese a impulsar accións a prol da igualdade nos ámbitos da produción e a difusión, da gobernanza e da comunicación por un período de tres anos, en liña co traballo desenvolvido pola anterior dirección.
-
Comezaron os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das letras Galegas, coa presentación na Casa da Cultura de Sarria do proxecto 'Aquela nena de Sarria", levado a cabo polo Colectivo Egeria. Participaron Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ao que acompañou o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.