Noticias
-
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar. As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.
-
O sector artesán galego volve estar presente nos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con tres candidaturas finalistas na edición deste ano. Trátase do obradoiros de tecido artesanal de Inés Rodríguez (Allariz) e do obradoiro especializado no traballo do coiro Santiago Besteiro (Monterroso), que competirán na categoría Emprendemento, así como a Fundación Artesanía de Galicia, que opta de novo ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Artesanía no Prato, que busca crear sinerxías entre artesanía, deseño e gastronomía.
-
La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
-
A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical. Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG).
-
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento, organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte. O festival adoptou novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
-
Un protocolo de colaboración entre a Xunta e o Goberno portugués permitirá afondar na colaboración entre estas dúas institucións no ámbito da programación do Xacobeo 2021 e a certificación dos camiños de Santiago no país veciño. Así se acordou na reunión telemática na que, por parte galega participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os membros da Comisión de Certificación dos Camiños de Santiago pola parte portuguesa. Na reunión tamén se tratou a situación do proceso de certificación dos Camiños de Santiago en Portugal na actualidade, así como a posibilidade de acadar acordos coas distintas entidades rexionais portuguesas dos territorios polos que pasa o Camiño de Santiago.
-
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais. Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín.
-
O xurado da sexta edición do Premio Nortear escolleu a obra “Ganapos” da escritora portuguesa Célia Fraga, como vencedora do galardón deste ano, dotado con 3.000 euros e coa publicación de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués. A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) colaboran no desenvolvemento deste certame destinado a recoñecer as obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores.
-
A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.
-
Teatro do Atlántico celebra esta semana na sede do Centro Dramático Galego os seus 35 anos sobre os escenarios coa reposición de catro das súas últimas montaxes máis recentes. Así, a compañía que dirixe Xúlio Lago porá en escena o xoves 1 de outubro Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco; o venres día 2, A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, e o sábado 3, Dúas donas que bailan, de Josep María Bernet i Jornet. O domingo día 3 resérvase para o espectáculo-recital de poesía galega contemporánea de varios autores De abrentes e ocasos. Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas de máis prolixa e coherente traxectoria, constituída no ano 1985 por María Barcala e Xúlio Lago.