Noticias
-
O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar onte no Playa Club da Coruña. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados. Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 19 solicitudes nas que están involucrados 36 mozas e mozos entre grupos e solistas. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.
-
A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia, e un dos espazos pioneiros e líderes en España neste novo eido da creación. Este foi un dos principais avances do II Plan Estratéxico do Gaiás para o período 2021-2027 que o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá na Comisión 4º do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia para dar a coñecer esta nova folla de ruta. O futuro centro de artes dixitais situarase nos aparcadoiros subterráneos do antigo Teatro da Música, hoxe Fontán. Non suporá, polo tanto, a construción dun edificio novo, senón a adecuación e o equipamento de sotos xa existentes e en desuso despois da paralización das obras do Teatro da Música.
-
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
-
Tras a actuación do grupo de música tradicional Leilía será a quenda de Belém Tajes, quen, despois de ser vocalista con Luar na Libre e Vudú, presentará o seu proxecto no museo vigués mañá, ás 20,00 horas. Compartirá escenario con Su Garrido, cantante, música e compositora galega que abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin. O concerto previsto para o sábado 27 será en horario de mañá, ás 12,00 horas, e estará protagonizado por Blues do País, a banda liderada por Bieitta James e que fai versións de clásicos do blues e do soul adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. Xunto a ela actuará o dúo Mallou, liderado por Sabela Bello, co seu novo proxecto no que reinterpreta a tradición da música popular de Galicia.
-
A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo. Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. O de Gres ofrece nesta novela a historia da emigración no seu conxunto.
-
A organización de Culturgal desvelou a programación completa da 14ª edición, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación de máis de 80 empresas e entidades expositoras e 119 stands. Deste xeito e baixo o lema A cultura que toca, o evento recupera a súa esencia como feira das industrias culturais galegas, para o que volve contar coa implicación da Xunta como principal institución patrocinadora. Culturgal 2021 propón un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións
-
O Centro Dramático Galego cruzará por primeira vez o Atlántico para representar a produción 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Uruguai e Arxentina. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta levará esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro. Nas funcións, que terán lugar o día 1 no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo ás 18,00 e 21,00 horas, e o día 2 no Teatro Astral de Bos Aires ás 20,00 horas, o equipo da montaxe estará acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director do CDG, Fran Núñez.
-
A primeira edición de Sinsal Museo do Mar ofrecerá tres xornadas de música que xuntarán tradición e vangarda, comezando polas sonoridades do jazz, do folk ou do indie que transita Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables de Portugal. En canto aos concertos da vindeira semana, o recinto museístico contará con dous escenarios situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa. Na primeira delas, terán lugar na tarde do sábado 20 os acústicos do compositor e produtor británico, residente en Vigo, Adrian Timms e mais de Rebe, unha das revelacións da escena musical española.
-
A Biblioteca Nacional Española inaugurou hoxe a exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, a nova mostra coorganizada coa Xunta de Galicia e Acción Cultural Española que repasa as testemuñas e pegadas que o Camiño de Santiago deixou nos últimos séculos na historia, na cultura, na arte, na literatura ou nas paisaxes a través dunha selección de máis de 200 pezas únicas procedentes de fondos de distintas institucións e coleccións particulares. Esta mostra enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico polo Xacobeo 21-22.
-
A Cidade da Cultura de Galicia organiza o novo ciclo Matinais Musicais que arrinca esta fin de semana para achegar o jazz, a música a capella e a música barroca a todos os públicos. O programa inclúe nesta edición tres concertos programados para as mañás dos domingos de novembro e decembro, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e o grupo Gallaecia, Ensemble Barroco. O Quinteto de Metais da Orquestra Sinfónica abre as Matinais Musicais este domingo 14 de novembro ás 12,00 horas no Museo Centro Gaiás, cun repertorio no que a trompeta será a guía coa que descubrir o Jazz e a música dos Estados Unidos de América.