Noticias
-
Ponse en marcha o novo ciclo 'Música en salas', que ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa xurde da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes. Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados en Vigo no transcurso da presentación que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, e que contou cunha breve interpretación musical de Los EP.
-
A produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, arranca este venres día 5 en Tui unha xira que levará a peza a 20 concellos de Galicia e o norte de Portugal. Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa realizada na localidade tudense para presentar a función programada para este venres. O percorrido da montaxe polas catro provincias galegas e o país luso prolongarase ata o 12 decembro. Trátase da xira máis ampla organizada polo CDG nos últimos anos, tanto polo número de funcións como pola diversidade de espazos.
-
O Mes da ciencia en galego ofrece actividades na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo. Entre as propostas previstas cómpre destacar obradoiros infantís de robótica, de física e química a través da cociña, de achegamento as figuras das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de xoguetes, entre moitas outras. Para a cativada e público familiar haberá obradoiros, contacontos e espectáculos teatralizados. En todos os centros se disporán mostras bibliográficas con material de divulgación científica.
-
Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
-
Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial. A primeira destas citas terá lugar o venres no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex.
-
Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas por Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.
-
Inaugurouse na Cidade da Cultura unha exposición coa que se celebran os 10 anos da posta en marcha da Biblioteca de Galicia no Gaiás. Unha década na que a institución conseguiu converterse nun referente cultural custodiando importantes coleccións constituídas por documentos tan antigos como os incunables Libro de las propiedades de las cosas (1494) ou Sermones de patientia in Job (1471). Estas serán dúas das máis de 70 pezas que poderán contemplar os visitantes desta mostra que queda aberta ao público ata o 31 e maio do 2022 no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
-
Ao longo de tres días a Cidade da Cultura acollerá representantes da Organización Mundial da Saúde ou a OCDE, científicos recoñecidos por algunhas das institucións máis prestixiosas do mundo, personalidades distinguidas con galardóns como o Premio Nacional de Ensaio, os Premios Princesa de Girona, premios de divulgación científica ou recoñecementos polo seu traballo en causas humanitarias e medioambientais.
-
Inaugurouse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura 'Castillo, escultor', a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura de Jorge Castillo, unha faceta artística que se ben é máis descoñecida, comparte a grandeza da súa obra pictórica. Esta escolma de 120 obras percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional, cuxa obra forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.
-
O Museo do Pobo Galego acollerá desde o venres ata o domingo a primeira edición de Soa Bonaval, un novo festival con concertos, conversas e itinerarios sonoros polas salas do museo que conta co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da iniciativa que se enmarca na colaboración que o Goberno galego ten co museo. “É, ademais, unha nova proposta cultural que se suma as máis de 2.500 iniciativas que apoiamos este outono para impulsar aos creadores galegos e animar a participar da reactivación da cultura despois duns meses complicados”, expresou.