Noticias
-
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
-
A nova edición do Festival Outono Lírico está composta por concertos, conferencias e actividades paralelas. Arrancará o venres co tenor Ismael Jordi e a soprano Sabina Puértolas, que, xunto ao músico Rubén Fernández, actuarán no concerto inaugural no Teatro A Fundación. O 16 de outubro ás 20,00 horas será a quenda do tenor Ramón Vargas, que estará acompañado por Mzia Bakthouridze ao piano; o día 31 de outubro actuará a mezzosorpano Nancy Fabiola Herrera e o tenor Alejandro Roy con Javier Carmena. Os concertos rematarán o 6 de novembro con 'A emigración galega, cancións de ida e volta' a cargo de Borja Quiza e Fernando Briones ao piano.
-
A comunidade teatral afeccionada galega é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega. FEGATEA organiza os días 17, 18, 19, 24 e 25 de setembro e os días 1, 2 e 3 de outubro o XX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán.
-
As conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas. Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche e de ourivería.
-
O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.
-
Presentouse a nova edición do Festival Agustín Magán que arranca o venres en Santiago. No seu vixésimo aniversario diversificará os espazos das representacións e organizarase unha mención homenaxe con motivo do centenario de Agustín Magán. A iniciativa está impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e as obras que participan son seleccionadas por un xurado entre as propostas dos grupos federados das catro provincias galegas. Fegatea cumpre 21 anos de andaina e recibiu o Premio da Cultura Galega 2020 polo seu labor nas artes escénicas.
-
A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart.
-
A Semana de Cine de Lugo chega á súa 43ª edición cunha carteleira que inclúe 135 títulos e actividades paralelas que se desenvolverán do 20 ao 25 de setembro. Esta 43ª edición da Semana de Cine articularase arredor de once seccións, entre elas unha de Cine Galego que inclúe 22 películas. Tamén haberá Sección Oficial, Xoias do Ano, ciclo Infantil, Cine Documental, A Outra Beira, Cine e Fotografía, As Curtas Cine Son, E para comer Lugo, Cine Nacionalidades e Homenaxes. Paralelamente, prográmanse conferencias, debates e presentacións en diferentes escenarios. Nesta edición a Semana homenaxea ao actor nado en Riotorto Luis Iglesia Besteiro.
-
A Sala Ártika de Vigo desvelou hoxe a programación da súa nova temporada escénica, no marco da que lle ofrecerá ao público 75 actuacións de 33 compañías ata finais de ano. Na programación de setembro a decembro da Sala Ártika inclúense catro festivais e ciclos (II Comediártiko, XXVI Festival Internacional de Títeres Galicreques, circuíto estatal da Red de Teatros Alternativos e VII Festival Pequeártiko de Nadal), cinco estreas absolutas, 20 espectáculos para público familiar e 13 producións para público adulto.
-
A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.