Noticias
-
Dicionario da nova literatura galega comezou a fraguarse a finais da década dos anos 60 do século pasado a través dunha enquisa que o profesor Xesús Alonso Montero distribuíu entre persoas do mundo literario galego que non tivesen obra publicada antes de 1936. En total, 86 persoas responderon aquelas preguntas ideadas por Alonso Montero que permiten coñecer multitude de datos biográficos e, ao tempo, deseñan as preocupacións e expectativas dun tempo moi concreto da nosa historia literaria e cultural. Este singular dicionario posibilita preguntarse que cambiou na cultura galega nestes últimos 50 anos e engade, ademais, unha rica e valiosa documentación bibliográfica e epistolar, alén doutros documentos de interese para reconstruír percorridos biográficos e literarios concretos.
-
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura unha xornada técnica que, baixo o título Panorama actual das bibliotecas autonómicas, reúne no Gaiás durante dous días a representantes da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte, ademais de responsables dos sistemas centrais de institucións bibliotecarias a nivel territorial de 16 comunidades e de Ceuta. Trátase dun encontro que se celebra por primeira vez en Galicia e no que se analiza o futuro destes centros.
-
A parte da programación que conforma a Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancará os días 21 e 22 de xaneiro con catro funcións de Moria, a exitosa produción de teatro documental arredor dos campos de refuxiados a cargo da compañía canaria Unahoramenos Producciones. Continuará o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril coa estrea absoluta de O porco de pé, a obra de Vicente Risco levada a escena por Producións Teatrais Excéntricas, con dramaturxia de Quico Cadaval e Pepe Sendón, e con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo na interpretación.
-
A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Xunta de Galicia dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do Nadal no Gaiás. Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos.
-
Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo.
-
Galicia conmemorará en 2022 o Ano Laxeiro cunha extensa programación que afondará no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra e unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación da programación especial, xunto ao alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.
-
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e os seus homólogos da Coruña, Julio E. Abalde, e Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este martes o convenio de colaboración polo que as tres universidades galegas crean o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A sinatura tivo lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura que será a sede principal deste centro interuniversitario, se ben tamén poderá contar con outros espazos nos campus galegos nos que estea situado o persoal investigador a el vencellado.
-
O calendario de estreas do programa de coproducións de danza que desenvolve o Centro Coreográfico Galego entra na súa recta final con tres citas esta semana. O venres terán lugar as primeiras funcións de Nova Galega de Danza co espectáculo Credo nas Pontes de García Rodríguez e de Colectivo Glovo con Tabú en Lugo, mentres que Javier Martín exhibirá este sábado en Oleiros Figuras do limiar, na que será a súa presentación en Galicia tras ver a luz o pasado 12 de novembro no Teatro El Musical de Valencia. Ademais, o 22 de decembro subirá a escena na Coruña a peza Nó, da compañía Elahood, coa que se completarán as estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego.
-
Musicada por Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, a obra estrearase o 9 de decembro para os aboados do Auditorio de Galicia e terá outra sesión aberta ao público xeral o día 10. Tamén se poderá seguir o día 9 en streaming pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia. Dirixida polo director titular e artístico da Filharmonía, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira –que fai de personaxe muda–.
-
A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.