Noticias
-
'Serva me, servabo te' é a última das producións postas en marcha polo Centro Dramático Galego. En xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A elas súmaselles A contenda do río Miño, a coprodución coa Companhia de Teatro de Braga estreada en xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.
-
O escenario do Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 ten unha cita este venres ás 22,30 horas coa artista Mounqup. Francesa de nacemento pero galega de adopción, Camille Hèdoin, o seu auténtico nome, caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk. Conta con dous discos ás súas costas e está traballando nun terceiro que verá a luz en breve. Ademais, foi a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.
-
A Biblioteca de Galicia reinicia en setembro a programación coa que celebra o seu décimo aniversario. Esta semana volve poñer en marcha o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, deseñado co obxectivo de que algunhas das nosas voces narradoras máis representativas compartan co público as súas suxestións literarias. A primeira cita será este venres 3 ás 19,00 horas coa autora Final Casalderrey. De novo na compaña doutras persoas relevantes da nosa cultura, as autoras e autores que participarán nestas novas sesións seleccionarán un título da nosa literatura que servirá de fío condutor dunhas conversas únicas e persoais.
-
Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.
-
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá do 3 ao 4 de setembro a celebración do encontro Mulleres e Cultura Urbana, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector. Esta segunda edición quere consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva anovadora. Con ese obxectivo, desenvolve dúas xornadas de análise, exhibición e creación artística colectiva en clave de xénero arredor da cultura urbana galega.
-
O líder de La Vuelta 21 recibirá unha Cunchiña ao final de cada etapa; é dicir, un boneco de peluche que representa á mascota virtual do Xacobeo 21-22. Deste xeito, o portador do maillot vermello colaborará na difusión do dobre Ano Santo no percorrido da competición desde este sábado 21 de agosto ata a chegada á meta na praza do Obradoiro o 5 de setembro. A mascota virtual do Xacobeo foi ideada inicialmente para o seu uso nas redes sociais, onde acadou unha grande difusión cos seus 32 stikers e con case un centenar de gifs para o seu uso a través de WhatsAp, Facebook, Instagram e Telegram.
-
Ata o vindeiro xoves, os artistas emerxentes participantes no EAN11 poderán darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers, tres nomes de recoñecida traxectoria que, desde o seu traballo no eido curatorial ou do xornalismo cultural apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Neste caso, serán o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña, e a comisaria e directora artística das feiras JustMAD (Madrid) e JustLX (Lisboa), Semíramis González.
-
Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra reivindica o feito a man a través do traballo de 22 obradoirosA Fundación Artesanía de Galicia, organiza o próximo sábado 21 de agosto en Sober o evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización do feito a man e dar difusión aos oficios tradicionais. A iniciativa, na que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, estará aberta ao público nos pendellos do Santuario da Nosa Señora das Cadeiras. Así, no evento poderanse atopar pezas de olería, madeira, téxtil, xoguetes artesanais, xoiería, traxe tradicional e coiro. Cabe destacar a presenza de representantes de tres dos centros de olería tradicional que continúan activos en Galicia, como son Gundivós (Sober), Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e Buño (Malpica de Bergantiños).
-
A exposición 'Faraón. Rei de Exipto', froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación 'la Caixa' e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria –621 visitantes mensuais–. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino.
-
O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego. Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.