O Centro Dramático Galego cruza o atlántico por primeira vez para representar en Uruguai e Arxentina a obra 'O charco de Ulises'
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/o-charco-de-ulises-2.jpg)
O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.
Homero no contexto da migración galega
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.
No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.
Xira en Galicia
Ademais de cruzar o Atlántico, O Charco de Ulises están de xira por 20 concellos de Galicia e Portugal desde o día 5 de novembro. Comezou en Tui e prolongarase ata o 12 de decembro en escenarios das catro provincias galegas e do norte do país luso. O día 19 estará en Vigo e o 20 en Pontevedra. Novembro pecharase con representacións en Cariño (día 24), Rianxo (día 25), Vilagarcía de Arousa (día 26) e A Coruña (día 27). Xa en decembro, hai sesións programadas en Lugo (día 9), Arteixo (día 10), Narón (día 11) e Vilalba (día 12).
R.