Noticias
-
A Cidade da Cultura conmemora os dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).
-
A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 14 títulos de distintas nacionalidades, dos que tres son galegos e os restantes de países como India, Brasil, Alemaña, Xeorxia, Perú ou Ucraína. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar unha estrea absoluta, cinco en España e dúas en Galicia. Canto á representación galega, concursan as películas Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro; O último de Arganeo, de David Vázquez Vázquez, e Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo. Estas últimas serán presentadas polos directores.
-
O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona incluirá nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22. A programación do festival contará ademais con 7 desafíos extremos levados a cabo neste período por distintos artistas en lugares emblemáticos das 7 grandes cidades. As urbes galegas converteranse en capitais mundiais do ilusionismo e acollerán tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo. A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos cativos ingresados.
-
O Festival será unha oportunidade única para ver sobre un mesmo escenario a persoas tan destacadas na creación poética como Elisabet Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní , Carlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey, Andrea Nunes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha ampla traxectoria como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente. De forma paralela aos recitais, Alguén que respira! bota de novo man dos cafés con conversa, que se desenvolverán polas mañás no ambigú do Teatro Principal a modo de foros de reflexión.
-
Entre a escolma de obras que presenta a mostra destacan xoias documentais e bibliográficas, como o primeiro himno na honra de Santiago O Maior, O Dei Verbum, conservado nun breviario do século IX, ou unha tradución temperá ao galego-portugués do Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, datada no s. XIV ou comezos do XV. Ademais, exhibe dúas importantes pinturas con temática xacobea: El Apóstol Santiago (1655) de Murillo e Julián Romero y su santo Patrono (1585-1589) da escola de El Greco, ambas cedidas polo Museo del Prado.
-
A Cidade da Cultura presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos están a tomar forma no marco do programa Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de achegar unha ollada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico. As propostas, coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue a ser recoñecible nestes anovadores espectáculos.
-
A Cidade da Cultura comeza este mes a emisión do videopodcast Conversas na balea, un espazo de faladoiros que no seu primeiro capítulo, precisamente nesta semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, se achega ao ámbito da promoción e produción musical desde a óptica de dúas mulleres profesionais de peso no sector. Trátase de Raquel Seijo, codirectora de Sweet Nocturna e responsable de ter traído a Galicia a nomes como Björk, Shakira, Muse ou Lenny Kravitz, e Andrea González, pianista, pedagoga e xestora musical directora do festival internacional IKFEM (International Keyboard Festival & Masterclass), que se celebra en Tui e Valença, e escollida entre as 100 Mulleres Líderes en España en 2019.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea convida a percorrer a historia da arte recente a través da mostra Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC, con obras incorporadas aos fondos do museo nas dúas últimas décadas. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e Sara Donoso, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a iniciativa volve situar a colección do CGAC como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión. A exposición caracterízase pola súa diversidade e riqueza plástica, tanto na traxectoria coma na orixe dos artistas representados.
-
A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.
-
Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022. O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia, que tivo unha curta vida, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia.