Noticias
-
Este ano os premios recaen en Yolanda Castaño (na categoría de Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), Pistacatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Portocabo (Audiovisual), Ponte...nas Ondas! (Lingua), Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural) e os curso de verán Galego sen fronteiras (Proxección Exterior). Estes galardóns distinguen un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
-
Inaugurouse na Coruña a exposición A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso, que se poderá ver no Arquivo do Reino de Galicia ata o 15 de decembro como peche das actividades de celebración do Ano Picasso. A mostra aberta no Arquivo do Reino de Galicia inclúe máis de 150 documentos e obxectos datados entre os anos 1850 e 1920 procedentes da Escola de Belas Artes Pablo Picasso, do Museo de Belas Artes, do Instituto IES Salvador de Madariaga e do arquivo municipal da cidade da Coruña. Así, repartida en tres apartados, os visitantes atoparán documentos, fotografías orixinais, láminas de debuxos realizados polo alumnado, libros usados nas clases e reproducións de expedientes de estudantes como Picasso.
-
O alistamento e servizo de españois residentes nos Estados Unidos nas súas forzas armadas durante a Segunda Guerra Mundial non foi un feito infrecuente, sendo Galicia a rexión de orixe máis afectada, cun 30.8% do total de recrutados. Esta é unha das principais conclusións do estudo desenvolvido polo profesor da USC Javier Fernández Castroagudín en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz da Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’. O obxectivo da investigación foi analizar de forma sistemática o perfil e traxectoria dos emigrantes galegos que serviron nas forzas armadas dos Estados Unidos durante o conflito. Para logralo, realizouse un proceso secuencial de busca nos rexistros militares da National Archives and Records Administration (NARA, College Park, Maryland e St Louis, Missouri, Estados Unidos).
-
O Seminario de Estudos Galegos foi fundado en outubro de 1923 por un grupo de universitarios co obxecto de formar novo persoal investigador dentro dos diversos aspectos da realidade galega. Malia que puxo o foco inicialmente nas Humanidades, axiña se abriu cara as ciencias sociais e naturais, constituíndo “un refacho de aire fresco na Universidade de Santiago”, tal e como explica o catedrático da USC e comisario da mostra divulgativa ‘Saber de Nós. Seminario de Estudos Galegos (1923-1936)’, Henrique Monteagudo. A esta itinerante que xa pode verse na Facultade de Química, súmase agora a colocación dun vítor no claustro do Colexio de San Xerome coa que a USC rendeu tributo a este grupo de intelectuais entre os que se atopaban Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde ou Lois Tobío.
-
A Semana de Cine Euroárabe Amal amosará media decena de filmes en prol do entendemento interculturalDo 23 ao 28 de outubro o Teatro Principal de Santiago acollera esta vixésimo primeira edición do AMAL, baixo o lema Ninguén está a salvo. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como o premiado en Venecia Entre as figueiras, primeira película de ficción do franco–tunesino Erixe Sehiri; O caftán azul, da directora e guionista marroquí Maryam Touzani; Conspiracíón no Cairo, do guionista e produtor sueco de orixe exipcia Tarik Saleh, e The sage, do director de cine e televisión sirio, de orixe palestina Basil Al-Khatib.
-
Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países convidados das edicións 2019 e 2021, no que é o maior evento bienal de deseño da península ibérica, que este ano ten a auga como tema central. Este fito permitirá reforzar a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e tamén as sinerxías creativas co norte de Portugal, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións nas que Galicia xa colaborou. No acto de apertura da mostra, o xoves día 19, será presentado tamén un ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia que está coeditado pola Porto Desing Biennale e Experimenta Magazine e que terá unha versión dixital gratuíta en galego.
-
A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe showcases, presentacións rápidas e reunións. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz.
-
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá a sexta edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que, no marco dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados pola Xunta de Galicia e coordinados pola RAG, chega este outono a unha ducia de concellos das catro provincias galegas cun dobre obxectivo: achegarlle ao público a orixe e significado dos topónimos do seu municipio e procurar novas persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía contribuír á recollida de topónimos e microtopónimos que corren o risco de perderse.
-
Moitas das protagonistas desta exposición foron persoas senlleiras que levaron unha vida de marcada proxección social como Pura Lorenzana, Sara Leirós, Luisa Cuesta ou Carmen Pardo Losada. Foron mulleres que buscaban desenvolver as súas capacidades por medio dunha carreira profesional e fixérono en diversos eidos como as humanidades ou as ciencias. Xeralmente acaparaban as mellores cualificacións e moitos premios académicos, conseguindo algunhas delas premios profesionais ás súas carreiras. Entre os libros que se exhiben na mostra atópanse varias publicacións de Luisa Cuesta, que chegou ser directora da Biblioteca Nacional de España.
-
A Filmoteca de Galicia será durante outubro unha das sedes das proxeccións de dous encontros culturais que terán lugar na cidade da Coruña: o Festival Intersección e a feira internacional de música Womex, que levarán á Sala José Sellier boa parte da súa programación audiovisual. A nova carteleira mensual da cinemateca da Xunta arrinca rematando a exhibición íntegra do serial Les Vampires, obra de dez episodios asinados polo director francés Louis Feuillade en 1916, cuxos últimos capítulos poderanse ver mañá martes día 3 e mais o xoves 4 (ás 18,00 h.).