Noticias
-
'Francisco Fernández del Riego no río do tempo' reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Os ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da RAG ou o seu compromiso coa Fundación Penzol. Noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento.
-
A Cidade da Cultura de Galicia pechará o 2023 organizando máis de 700 eventos e actividades culturais. Con estas cifras despide un ano no que arrincou a construción do Centro galego de artes dixitais, e no que o Gaiás volveu situarse entre as tres institucións da Comunidade mellor valoradas polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Á espera dos datos de decembro, a Cidade da Cultura rematará o 2023 superando en máis dun centenar o número de eventos e actividades que acolleu en 2022. O incremento amosa os avances na consecución dun dos obxectivos do seu II Plan Estratéxico: consolidarse como ferramenta no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.
-
A iniciativa Acende o Camiño de Santiago enmárcase nas distintas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal poñendo así en valor o seu potencial turístico. Inclúense os beléns de Valga e de Begonte, ambos de interese turístico, xunto a outros situados en distintos lugares de Galicia, así como mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.
-
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. As bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta de Galicia concentran máis de 60 actividades e exposicións para estas festas. Obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
-
Ponse en marcha a segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, ao abeiro da que 12 grupos e artistas emerxentes de Galicia verán impulsadas as súas carreiras mediante diferentes accións de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, que conta coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na súa xestión. Ao igual que na primeira edición, esta segunda escolma de bandas e intérpretes, seleccionada por unha comisión a partir das máis de 30 propostas recibidas, reflicte o gran potencial e variedade en canto a xéneros e estilos do actual panorama da música emerxente galega.
-
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escuela de Organización Industrial e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán,p así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán, en 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns e dúas ao labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.
-
A investigación ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións na Ruta Xacobea e a como afecta as dinámicas comerciais. A investigación realizada por Sara María Torres Outón da UVigo baséase en 200 cuestionarios a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixos de entrada dos camiños, ensanche e zona vella.
-
A Cidade da Cultura vén de ratificar un acordo coa Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa e a Custodia de Terra Santa de Xerusalén para exhibir entre marzo e agosto de 2024 o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum. Santiago de Compostela será o único punto en España onde se poderá ver este conxunto de obras que agora mesmo se exhiben na capital portuguesa, onde veñen de iniciar un itinerario internacional que as achegará a diversas cidades de Europa e América. Ademais de Lisboa e Compostela, ao circuíto internacional da exposición sumaranse en 2024 e 2025 dous destinos máis, respectivamente, en Europa e Estados Unidos.
-
Esta exposición fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Colaboran o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
-
O Premio Otero Pedrayo está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. Considerado un dos máis prestixiosos da cultura galega, naceu en 1977 co obxectivo de perpetuar a memoria do autor de Trasalba e así mesmo recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. A Deputación de Lugo fora por última vez escenario da entrega deste galardón no ano 2019, cando o recibiron Ramón Villares e Paco Martín.