A meirande parte dos españois recrutados polas forzas armadas dos EE.UU durante a Segunda Guerra Mundial eran galegos

“Estímase que máis de 19.000 homes españois residentes nos Estados Unidos, naturalizados ou non, foron rexistrados baixo a Selective Training and Service Act, dos cales unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses”, afirman. “A pesar de que estes números mostran que o alistamento e servizo de emigrantes de ningunha maneira foi un feito illado ou anecdótico, este aspecto da emigración recibiu ata a data nula atención por parte dos investigadores”, matiza o profesor Fernández Castroagudín.
Analizáronse en total 1.227 rexistros de españois recrutados no US Army. A comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, un 31% daqueles nos que se coñece a rexión de orixe, seguido por Andalucía e as comunidades da cornixa cantábrica (Asturias, Euskadi, Cantabria), así como Castela-León, supoñendo entre elas case o 80% dos emigrantes recrutados. A provincia con máis alistados foi A Coruña con 192 (foi así mesmo a provincia española con maior número de recrutados), seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense. “Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe pode observarse a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo na Mariña coruñesa, con Sada como o municipio máis frecuentemente rexistrado, e a zona das Rías Baixas”, explican os investigadores.
Segundo evidencia o estudo, o lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. En canto á emigración do resto de España, seguiu sendo Nova York o destino preferente, seguido de California e Nova Jersey. A idade media dos homes recrutados foi de 31 anos, estando a idade de dous terzos desta poboación entre 20 e 40 anos. A maioría estaban solteiros.
“Aínda que o estado civil era similar en ambas as poboacións, os emigrantes galegos presentaban maior taxa de dependentes ao seu cargo diferentes do cónxuxe”, explican os investigadores. Así mesmo, presentaban unha maior taxa de estudos básicos e menor de estudos secundarios ou superiores respecto ao resto de España. A poboación galega tendeu a presentar maiores taxas de ocupación no sector servizos e na industria e construción, mentres que o resto de España presentou máis taxa de operadores de maquinaria fixa e móbil. A proporción de ocupacións non cualificadas foi similar en ambos os grupos. En canto ás narrativas persoais, identificáronse ata a data 30 emigrantes nados en Galicia que serviron en ultramar. Deles, reportáronse 9 falecidos en combate (2 deles desaparecidos) e 19 feridos. Os resultados deste traballo presentáronse recentemente no décimo sexto Congreso da Asociación de Historia Contemporánea celebrado en Logroño.
R.