Noticias
-
Composta por seis paneis, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Unha nova que se faría pública o 7 de xaneiro de 1969, con gran repercusión na situación social do momento. Parte fundamental deste fito foron tamén as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que a Xunta volve editar en colaboración con SEPT co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias galegas.
-
A Cidade da Cultura volve celebrar a súa tradicional festa de Entroido convidando ao público a unha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os grandes protagonistas. O Entroido na horta celebrarase na tarde do luns 12 de febreiro no Museo Centro Gaiás dende as 16.30 ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Ás 18.30 será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran mostrar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. Ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.
-
A nova edición do Morriña Festival terá entre os seus cabezas de cartel artistas como Aitana, Louis Tomlinson -que fora integrante de One Direction- ou Yandel, entre outros. O festival celebrarase o 26 e 27 de xullo e celebra este ano a súa cuarta edición. Ademais o festival contará con La La Love You, o galego Sen Senra, un dos artistas con máis talento da súa xeración. Completan a listaxe, entre outros, os barceloneses Doria ou unha das promesas musicais do momento, o dúo Marlena xunto con un dos maiores talentos da música española da actualidade, o madrileño Dollar Selmouni. Xunto a eles tamén estarán Enol, Yeico x Toni, Trashi e Garabatto.
-
A Xunta impulsa un ano máis a comercialización da Artesanía de Galicia no mercado internacional a través da participación nunha nova edición da feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo (Suecia) entre hoxe e o xoves 18 de xaneiro. A través da Fundación Artesanía de Galicia, preséntase unha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 27 obradoiros artesanais especializados en diferentes oficios. Durante catro días pódese ver na capital sueca unha selección de olería tradicional de Buño e de Gundivós, así como de olería contemporánea, pezas de cestería, cerámica, madeira, pedra, tecido, coiro, bordado contemporáneo, así como coitelos e figuras tradicionais elaboradas con miga de pan.
-
A norteamericana Lindsay Semel traducirá ao inglés a novela 'No ventre do silencio' de Méndez FerrínA Residencia Literaria 1863 acaba de resolver a bolsa para a IV edición da Residencia Xacobeo para tradutores de literatura galega. A autora este ano será a tradutora e editora norteamericana Lindsay Semel, quen traducirá ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín. O obxectivo da Residencia Xacobeo é estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro. Esta cuarta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor literario, neste caso Lindsay Semel, poida “traducir unha obra galega nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”.
-
A Cidade da Cultura foi a insignia da cultura galega en 2023, segundo vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de 414 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Así, o Gaiás encabeza a listaxe de propostas culturais en Galicia e entra no número 63 do ránking nacional, no que tamén figura o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no 84, 13 postos por riba de 2022. Este recoñecemento avala así a calidade e innovación da programación ofrecida pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, que leva cinco anos consecutivos situándose nas tres primeiras posicións deste ránking galego.
-
As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
-
A Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso pon o colofón á intensa celebración do 50º aniversario do pasamento do artista malagueño coa exposición 'Picasso, alumno desta escola'. Esta mostra reúne orixinais e láminas dos tres anos que cursou Pablo Picasso no centro (1892-1895). Alí, onde conseguiu praza como profesor de debuxo o seu pai, aprendeu os primeiros fundamentos do debuxo, publicando en 1894 a súa primeira obra mestra: unha rapaza descalza, nena pobre como moitas daquela época. Así mesmo atópanse ilustracións sobre o fauno, o home con cordeiro ou as bacanais, temas que debuxa Picasso na Coruña a partir de modelos de xeso.
-
A Filmoteca de Galicia inicia as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro. Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.