Noticias
-
O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que distribuirá 15 funcións de 10 compañías entre os concellos de Gondomar, Foz, Outes e Allariz co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias. Foz marcará o inicio desta segunda edición o 26 de xullo, coa exhibición na praza do Conde Fontao das pezas Vestirme de ti, da bailarina galega Nuria Sotelo xunto a Clara Ferrão; A raíz, do porriñés Daniel Rodríguez, e Human 21, da catalá Sandra Macià. A actividade en Foz incluirá tamén o obradoiro-espectáculo de Marta Alonso Tejada Discoteca de Señoras e a Pista de baile, actividade de mediación co público. Estas dúas accións reproduciranse en todas as localidades implicadas.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos xestionado pola Xunta e as administracións locais adheridas, renova a súa programación semestral con 176 funcións escénicas e musicais en 36 concellos ata final de ano. Esta carteleira, de ámbito profesional e maioritariamente de produción galega, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con 278.000 euros.O novo período de actividade está conformado por 160 representacións escénicas de 93 espectáculos (deles, 70 están dirixidos a público familiar, haberá 13 funcións de danza, nove de circo e 14 de maxia) a cargo de 76 compañías, e polos concertos de 14 formacións musicais.
-
A décima edición do Corazón da Artesanía, Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou as súas portas despois dunha fin de semana marcada pola afluencia de público no recinto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada. Máis de 8.000 visitantes achegáronse entre o venres e o domingo ata o municipio pontevedrés, o que sitúa en 70.000 os asistentes das dez edicións celebradas ata a data ao evento de referencia do sector da artesanía en Galicia. Corazón da Artesanía constitúe un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como a buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía.
-
Un total de dez autores emerxentes galegos están a participar estes días na Residencia Literaria da Cidade da Cultura para perfeccionar os seus proxectos de narrativa. A actividade, que forma parte do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, conxuga o traballo individual coa posta en común e o intercambio de impresións sobre as propostas do resto de participantes. Ao longo de 12 días de convivencia, os escritores novos comparten inquedanzas e consellos, críticas e eloxios nun ambiente de confianza e apoio mutuo. Ademais, contarán coa guía de dúas escritoras destacadas das letras galegas e españolas, Marilar Aleixandre —Premio Nacional de Narrativa 2022— e a mexicana Brenda Navarro, que con tan só dúas novelas publicadas —unha delas traducida xa a oito idiomas— confírmase como unha das voces máis prometedoras das letras hispanas.
-
O festival desenvolverase ata o 15 de xullo en Vilanova de Arousa e incluirá seis producións teatrais. Así, o luns 10 representarase Don Ramón del Valle-Inclán, un monólogo de Pedro Casablanc, acompañado do pianista, baseado no texto de Gómez de la Serna, espectáculo estreado no Teatro Español de Madrid. O martes 11 será a quenda de Morfeo Teatro conLos cuernos de Don Friolera; o mércores 12 de El alma de Valle-Inclán, a cargo de Rafael Álvarez El Brujo quen, o xoves 13, presentará no festival La lámpara maravillosa, a estrea absoluta desta edición. O venres 14, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá a súa representación de A cabeza do Bautista, e o sábado, como remate da programación, a compañía El callejón del Gato deleitará ao público infantil con La cabeza del dragón.
-
O furancho é unha comedia que ten como protagonistas a Isabel Risco e Marián Bañobre, na que a través da metáfora gastronómica se presentan cuestións que afectan á sociedade contemporánea tales como a pobreza cultural ou como nos definen as escollas que facemos. A peza, dirixida a un público adolescente e adulto, está escrita e dirixida polo propio Santiago Cortegoso. O espectáculo, que se estreou o 27 de febreiro de 2015 no Auditorio Municipal de Cangas, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Vestiario e o Premio FETEGA (Festival do Carballiño) ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
-
A programación cultural impulsada pola Xunta en colaboración con distintas empresas e administracións locais baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON porá o foco este verán no 'talento, profesionalidade e excelencia do sector' con máis de 2.500 propostas 'diversificadas e repartidas por todo territorio para ampliar públicos e garantir o acceso a todas as persoas'. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto acompañado polo seu equipo no que se presentou a oferta cultural para os vindeiros meses que, como indicou, 'reflicte o gran momento de crecemento e de pluralidade creativa que vive a cultura galega' e que deixará pegada nos territorios nos que se ofrecerá xa que se prevé que mobilice 4M€.
-
O Consello da Xunta ven de aprobar as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, por un importe de 1,5 M€. As axudas teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e a transformación dixital das empresas turísticas pola incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, co fin de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do turismo.
-
O Consello da Xunta nomeou o xoves como novo director da Axencia de Turismo de Galicia a Xosé Manuel Merelles Remy. Nado na Rúa (Ourense), é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou en varios medios de comunicación ata chegar á Xunta de Galicia no ano 1991, onde foi redactor no gabinete de comunicación da Presidencia, así como xefe de prensa na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e en Sogama.
-
A Xunta fai fincapé na importancia de contar coa implicación da cidadanía na aposta polo fermosismo para poñer en valor entre todos as diversas paisaxes que conviven en Galicia. Así o salientou a responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Vicepresidenta segunda da Xunta, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Coristanco para ver o resultado da rehabilitación dun muíño de auga privado que contou cunha axuda para a corrección de impactos paisaxísticos.