Noticias
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañados polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, realizaron esta mañá unha andaina polo Camiño Portugués da Costa promovida por este concello pontevedrés coa que conmemoraron o segundo aniversario do recoñecemento oficial desde itinerario xacobeo, que se fixo efectivo coa entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de Galicia en agosto do ano 2016. Desde que o Camiño Portugués da Costa acadara esta distinción, o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse por cinco.
-
Na súa 32ª edición, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuou o seu ascenso de popularidade para converterse nunha das citas estatais musicais imprescindibles do verán. Cun modelo de festival de rúa, que aposta pola cultura próxima e de calidade, sen esquecer as figuras internacionais, a cita coruñesa conquistou nesta ocasión a máis de 90.000 persoas. Coa cidade como un escenario máis, chamado a ocupar un papel protagonista, o festival converteuse nun dos eventos urbanos máis importantes da península, atraendo a atención de miles de persoas, coruñesas e visitantes en busca dunha experiencia musical e cultural completa.
-
O reguetón feminista e combativo das madrileñas Tremenda Jauría suporán este sábado, día 18, un divertido e comprometido alfinete festeiro para pechar o Atardecer no Gaiás de 2018. Precisamente, este ciclo de concertos do verán, ao aire libre e de balde caracterizouse nesta edición por contar cun especial peso das voces femininas —maioría entre as súas 21 actuacións— e concedeulle máis espazo as cada vez máis emerxentes músicas urbanas. Para este gran fin de festa, a banda despregará tamén o seu repertorio de merengue-punk ‒contan cunha atrevida versión neste rexistro de La línea del frente de Kortatu‒e electro-cumbia con ritmos tropicais e letras sociais.
-
Galicia será o territorio convidado de honor á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient. Así o confirmou a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A nova foi tamén publicada no propio web do festival. No presente ano o territorio convidado de honor é o País de Gales. Con 48 anos de historia, o Festival reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias.
-
Atardecer no Gaiás chega xa á penúltima semana da súa edición 2018. Nesta ocasión, o ciclo de concertos que pon a banda sonora aos solpores do verán na Cidade da Cultura trae tres apostas orixinais, sorprendentes e reivindicativas chegadas de tres recantos da Península: Rodrigo Cuevas (Asturias), Pony Bravo (Andalucía) e Las Odio (Madrid). Os encargados de arrancar a semana este xoves serán o grupo sevillano Pony Bravo, que traerá ao Gaiás o característico humor que tingue as súas letras ‘protesta’, á vez que un directo sempre encomiado que os ten levado a festivais como o Primavera Sound e a cidades como Bos Aires ou Caracas.
-
Uxía e Rodrígo Romaní actúan esta semana no Festival Intercéltico de Lorient, encabezando a ampla delegación galega que desde o pasado día 3 participa neste histórico encontro da cultura celta. Uxía subirase este xoves ao escenario do Theâtre de Lorient para presentar o seu traballo Uxía-o, o seu persoal tributo á obra de Uxío Novoneyra. Pola súa banda, Rodrigo Romaní actuará o sábado á noite na gran gala da arpa celta que terá lugar no Palacio de Congresos, onde esa mesma mañá ofrecerá unha master class.
-
A Cidade da Cultura programa para as noites dos venres de final do verán unha descuberta diferente e distendida das grandes exposicións que acolle arestora o Museo Centro Gaiás: Baldomero Pestana, a verdade entre as mans e Galicia Universal. A arte galega nas colección de ABANCA e Afundación. Será a través das Nocturnas, unhas visitas comentadas moi especiais, fóra do horario habitual de apertura do centro, que rematarán da mellor maneira: con boa música e petiscos.
-
O ciclo de concertos ao solpor Atardecer no Gaiás continúa en agosto con tres propostas tranquilas e ben diferentes para musicar os xoves, venres e sábados do verán na Cidade da Cultura. O encargado de pórlle banda sonora á primeira das citas deste mes será Yuri Méndez, co seu proxecto Pajaro Sunrise. O traballo do cantante, músico, compositor e produtor nado en León oscila entre o pop, o folk e a música electrónica cantada en inglés. Os seus temas, ás veces divididos entre letras melancólicas e melodías alegres, foron escollidos para musicar desde series de televisión a anuncios publicitarios, entre os que destaca por ter aparecido, por exemplo, na serie norteamericana Castle.
-
Música no claustro regresa á catedral de Tui coa edición de maior envergadura e internacionalidade do festival, deseñado e coordinado por Samuel Diz. Durante sete días, do sábado 4 ao venres 10 de agosto, a programación ofrecerá reencontros coa música, co patrimonio e coa creación, aos que se suma o concerto de presentación realizado o pasado 14 de xuño no Museo Nacional de Escultura. Esta edición con dobre sede pon a atención no nome propio de Diego de Avellaneda, bispo de Tui durante preto dunha década no século XVI e arredor do que se articula un programa narrativo de catro concertos de primeiro nivel con músicas renacentistas, barrocas, contemporáneas e jazz.
-
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matricula dos centros escolares públicos nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2018/19, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo. Conforme aos datos definitivos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 2 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros.