Noticias
-
Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, presentou en Pontevedra o programa da súa décimo cuarta edición, que modifica e amplía as súas datas de celebración, ademais de se abrir a máis estilos musicais na procura de novos públicos. O programa desta nova etapa desenvolverase do 11 ao 14 de outubro en varios espazos de Pontevedra e combinará os concertos con diferentes actividades culturais para todos os públicos. O novo Cantos na Maré cambia as súas datas de celebración de xaneiro a outubro, ampliando a catro os días de programación, así como os espazos que acollerán as súas actividades
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 25 aniversario con música, obradoiros, danza, cinema e unha intervención lumínica de Javier Riera, que poñerá en valor a colaboración entre Álvaro Siza, arquitecto do CGAC, e a paisaxista galega Isabel Aguirre para crear o parque de Bonaval. Trátase dunha programación con actividades destinadas a atraer un gran número de persoas a este “espazo aberto para o desenvolvemento, impulso e promoción da arte galega actual”, segundo o definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación das iniciativas.
-
A Cidade da Cultura acolleu a tarde de hoxe a XV Romaría Coral galega, o evento máis importante en Galicia deste xénero musical, ao reunir preto de 800 voces na Praza Central do Gaiás, procedentes de 34 agrupacións. Todas elas entoaron de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional, obras de autores clásicos e, como colofón, remataron interpretando o Himno galego, acompañados pola Banda Municipal de Música de Santiago. A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela.
-
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou hoxe a programación da súa vixésimo sétima edición, que do 28 de setembro ao 31 de outubro desenvolverá 41 espectáculos e diferentes accións paralelas arredor da exhibición e da formación escénica. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu esta tarde a presentación da que é unha das citas máis importantes da nova temporada teatral, tanto por volume de actividade como por número de días de celebración. Entre as compañías programadas figuran moitos nomes imprescindibles da escena actual.
-
A Cidade da Cultura de Galicia convértese esta semana no epicentro do debate sobre as novas tendencias á hora de abordar proxectos culturais. No marco do WOS Festival, evento que celebra a cultura de vangarda desde espazos emblemáticos de Santiago de Compostela, o Gaiás acolle este mércores e xoves parte dos WOS Encontros, catro faladoiros abertos ao público entre os que destaca o encontro con Peter Kember (Sonic Boom), referente de culto da música moderna. Pioneiro e explorador constante do son, o músico británico marcou o desenvolvemento de xéneros tan diversos como o pop, o space-rock e a psicodelia ou a electrónica.
-
O conselleiro de Cultura destaca o ritmo 'satisfactorio' no avance das obras da Catedral de SantiagoO conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, explicaron en rolda de prensa os últimos avances das intervencións realizadas na Catedral de Santiago e a necesidade de acometer un peche provisional do espazo onde se atopa o Pórtico da Gloria pola execución das obras de restauración dos paramentos interiores e das bóvedas. Ao abeiro do convenio entre o Ministerio de Hacienda, a Consellería de Cultura e Educación, o Cabido do Conxunto Catedralicio e a Fundación Catedral estase a traballar cun investimento de 17 millóns de euros para chegar ao 1 de xaneiro de 2021 nas mellores condicións para celebrar vindeiro Xacobeo.
-
Este curso 2018/19 producirase un incremento dos centros plurilingües, nos que ata un terzo do horario lectivo se imparte en lingua estranxeira. En concreto, o sistema educativo galego acada os 385 centros plurilingües, 63 máis que o ano pasado. Isto significa multiplicar por máis de 6,5 os 58 centros que había no curso 2010/11, cando se comezou con este sistema. 142 centros (7 por primeira vez no plurilingüismo) contarán con plurilingüismo en Infantil –denominado Plurinfantil–, 59 máis que o ano pasado. No caso de bacharelato, haberá 8 centros Pluribach (1 completamente novo no plurilingüismo).
-
Chega por vez primeira a Galicia 'A derradeira leición do mestre' —obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o ‘Guernica galego’— como eixo central da exposición Castelao maxistral, da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que se exhibirá no Museo Centro Gaiás do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019, prantéxase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936). Castelao maxistral conta cunha ampla sección de pezas e documentos (92), depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total).
-
A RAGC dedícalle este 2018 o Día da Ciencia en Galicia ao matemático, xeógrafo e político Domingo Fontán, coñecido fundamentalmente por ser o autor dun traballo sen precedentes en España, un fito na historia da cartografía peninsular que se converteu en símbolo para Galicia: a súa célebre Carta xeométrica. Trátase do primeiro mapa científico e moderno realizado na península Ibérica, por elaborarse mediante traballo de campo e medicións xeodésicas. O mapa de Fontán sería a base cartográfica para proxectos de ferrocarril e de estradas e fonte para a elaboración doutros mapas.
-
Preto de 300 participantes recrearon esta fin de semana os entroidos galegos cun colorido desfile polas rúas do casco vello de Santiago de Compostela no que puideron amosar a autenticidade, variedade e riqueza desta tradición. Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia, cos pantallas, e Verín, cos cigarróns, acadaron xa a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; Laza, cos peliqueiros; Manzaneda, coas mázcaras; os Xenerais da Ulla; Maceda, cos felos, e Vilariño de Conso, cos boteiros.