Noticias
-
Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsa esta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados.
-
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu proxectará entre o 7 e o 15 de setembro preto de 100 títulos galegos e internacionais, ademais de ofrecer charlas, conferencias, espectáculos de narración oral e humor, concertos, actividades infantís e de implicación social. O evento, que chega este ano á súa undécima edición, conta con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A sede da asociación organizadora acolleu a presentación do programa completo do certame, no que participaron o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e mais o director do FICBueu, Manuel Pena.
-
Presentouse este martes no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo a 40ª Semana Internacional de cine de autor de Lugo, que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, dende o 10 ao 15, e dende 17 ao 21 de setembro. Asistiron o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez; Ramón Carballo, Xefe Territorial de Prsidencia da Xunta de Galicia en Lugo; a Vicerreitora do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto, ao Presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz Ramil, o Director da Semana Internacional de cine de autor, Manuel Curiel Fernández. Nesta 40ª edición, participarán un total de 165 cintas de diferentes países.
-
Preto de 200 persoas de 37 nacionalidades diferentes inscribíronse xa na 7ª edición da World Trails Conference, o congreso bianual internacional da rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 26 e o 29 de setembro. O congreso mantén aberto o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en aprender da xestión que se realiza nas máis importantes rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo que estarán presentes no encontro.
-
As Torres Hejduk convértense ata o 25 de novembro nun arquivo sonoro para rescatar a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna. Isto é posible grazas á intervención AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica) de Francisco Ramallo (Granada, 1974), inaugurada como clausura do Encontro de Artistas Novos 2018. Esta residencia artística, xa consolidada na programación da Cidade da Cultura, reuniu durante cinco días a 40 creadores emerxentes, procedentes de toda España. Precisamente, o AAMA -proxecto entre o metafórico e o documental de Francisco Ramallo- foi a iniciativa gañadora do Encontro de Artistas Novos 2017 da V Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk.
-
Este mércores terá lugar a inauguración da temporada expositiva na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela coa exposición Manuel Eirís / Miguel Marina. A Fundación DIDAC retoma a súa actividade, que nos próximos meses completarase coas mostras individuais do artista galego Antón Reixa e a valenciana Irene Grau, así como os encontros e conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación, programación que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) e Miguel Marina (Madrid, 1989) son os artistas encargados de inaugurar a temporada de exposicións na Fundación DIDAC.
-
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu a benvida aos 40 creadores e creadoras que participan na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”.
-
Este domingo, van ser homenaxeados en Guitiriz os chamados “Irmáns da lexía”, catro mozos coruñeses represaliados en 1936. Dous deles, France e Bebel, foron fusilados; a Jaurés aplicáronlle a “Lei de fugas”, e Pepín salvou a vida exiliándose en Hispanoamérica. Selva, filla de Pepín, participará nos actos de homenaxe. Homenaxear aos “Irmáns da lexía” é unha teima de décadas de Alfonso Blanco Torrado, crego en Guitiriz e revitalizador da cultura da Terra Chá a través de Xermolos e a Irmandade Manuel María, sendo obra súa o anual Festival de Pardiñas.
-
Quedou aberta no Museo comarcal de A Fonsagrada a exposición “MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emigrante galego-poeta obreiro”, promovida por Galicia Digital, a familia do escritor e o Concello de Paradela, que permanecerá nesta localidade enclavada no Camiño Primitivo a Compostela ata mediados de outubro. Con este motivo, presentouse o libro “MANUEL RODRÍGUEZ LOPEZ, 25 ANOS DESPOIS”, que recolle medio cento de traballos literarios sobre o escritor de Paradela que foi e segue a ser ponte entre os galegos da terra e os da emigración en Catalunya.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán ao solpor da Cidade da Cultura de Galicia, despediuse o sábado pasado, día 18, co reguetón feminista de Tremenda Jauría, tras 21 actuacións ao aire libre e de balde coas que bateu o seu récord de participación con máis de 16.000 asistentes. O cartel deste ano foi un fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Deste xeito, deulle máis espazo ás músicas urbanas —como o trap de Rels B ou a cumbia-electrónica de La Redada— e evidenciou unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros desde o soul, jazz ou a bossa nova con Dom La Nena, Mordem e Nathy Peluso, entre outras.