Noticias
-
A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora Mª Xosé Queizán, dúas pioneiras que abriron novos camiños, son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo que se fallou no Pazo de Mariñán, convocado polas catro deputacións e a Xunta de Galicia e organizado nesta edición pola Deputación da Coruña. O obxectivo do premio é, ademais de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo no campo das letras e o coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
-
A edición de 2018 de Womex (World Music Expo) arranca hoxe nas Palmas de Gran Canaria, onde a música galega soará en directo da man de Sumrrá. O trío actuará o venres á noite no Auditorio Alfredo Kraus como parte do cartel da sección Atlantic Connections, dedicado á música dos territorios conectados polo Atlántico. Considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música tradicional e de raíz de todo o mundo, Womex regresa este ano a España despois da súa última edición de 2017 en Katowice (Polonia) e de que levara a cabo dúas entregas anteriores en Santiago de Compostela.
-
O Presidente da Deputación, Manuel Baltar e a presidenta da fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, asinaron o protocolo de colaboración para a organización deste evento audiovisual, que terá a Miguel Anxo Fernández como coordinador artístico e a Aurelio Gómez Villar como coordinador técnico
-
Desenvolverase nun espazo de 102.635 hectáreas, no que ata finais de ano se definirán os recursos turístico-científicos e logo se concretarán as actividades a ofrecer a cidadáns en xeral e profesionais de distintos sectores. O proxecto, incluído no Plan Estratéxico de Turismo, presentouno o Deputado de Turismo, xunto ao Vicepresidente, aos 17 Concellos implicados, expertos da USC, representantes de colectivos veciñais e empresas da zona.
-
O madrileño Manuel Miguel Pozo Guerra, recibiu do Presidente da Xunta a “Compostela” que, no seu caso, é a especial distinción que se lle entrega, dixo Núñez Feijóo, “cando se está a preparar o mellor Xacobeo da nosa historia”, asegurando que este incremento de peregrinos, chegados desde 172 países e cada vez por máis rutas xacobeas, demostra que “Galicia gusta” e que o traballo de todos fai que o Camiño de Santiago xa non sexa un fenómeno exclusivo dos anos santos
-
A Cidade da Cultura despide este domingo, 14 de outubro, a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre as nosas artes plásticas: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación e cuxo enorme interese levou a máis de 30.000 persoas a achegarse, desde o pasado 16 de marzo, ao Museo Centro Gaiás para admirar unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e consideradas entre as máis importantes de España.
-
Cinespaña está organizado por AFICH, Association du Festival International du Cinéma Hispanique, un colectivo que traballa pola difusión do cinema español en Francia. O festival anual, que celebra ata o 14 de outubro a súa 23ª edición, rexistra usualmente unhas cifras totais de asistencia ás proxeccións de 18.000 persoas. As fitas foron seleccionadas pola organización do festival para ofrecerlle ao público unha visión conxunta da corrente denominada Novo Cinema Galego, cinco longametraxes e seis curtas, reunidas baixo o título de Paisaxes periféricas, que se exhiben en distintos espazos da cidade.
-
O cura de Momán, Luís Ángel Rodríguez Patiño, enviou este martes un escrito ao Obispado de Mondoñedo e ao Arcebispado de Santiago esixindo que non se permita que os restos de Francisco Franco sexan enterrados nunha igrexa. Rodríguez Patiño, coñecido polas súas posturas contrarias á xerarquía eclesiástica en temas como o aborto ou a homosexualidade, responde así ao arcebispo de Madrid, Carlos Osoro, que hai uns días dixo que fará "todo o que lle pida" a familia de Franco, que pretende que os restos do ditador descansen na cripta da catedral da Almudena.
-
Baixo o título “A lectura como ferramenta de equidade” chega á súa cuarta edición o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano organiza a AELG. A primeira das sesións desta edición centrada na igualdade correrá a cargo da narradora Ledicia Costas, que o 2 de outubro falará de “Luces e monstros, da realidade á fantasía”. O día 9 será a quenda de María Lado, que explicará “Como pode a litertura cambiar (un pouco) a túa vida”. Outra poetisa, Yolanda Castaño, collerá o relevo o día 16 para falar de “Chaves en letra miúda”. O 23 será a quenda de Carlos Negro coa conferencia “Versos para especies diversas (menú de aula)”.
-
A Cidade da Cultura de Galicia convértese este outono no lugar de encontro para músicos e educadores de toda Europa, ao acoller do 17 ao 19 de outubro, a YAMsession 2018. Trátase dun evento para coñecer o panorama da produción musical para público infantil e xuvenil e as novas correntes que se están a desenvolver a nivel europeo, así como para xerar oportunidades de colaboración entre programadores, produtores, artistas e profesores de música nacionais e internacionais.