Notas
-
A cantautora arzuá MJ Pérez ofrecerá este xoves no Vello Cárcere de Lugo un concerto no que interpretará temas do seu terceiro e último traballo, ‘Casandra’, no marco do ciclo Lubicán. MJ Pérez, que estará acompañada da súa banda na súa actuación na capital luguesa, acumula tres discos producidos, aínda que ‘Casandra’ constitúe o seu primeiro traballo de estudio. Nesta nova entrega musical, conta coa colaboración de Paco Cerdeira, Richi Casás, Ailén ou Martiño Cabarcos.
-
Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos, e Claudia Martínez Asenjo, compostelá de 11 anos, son as persoas gañadoras dos tres primeiros premios, nas modalidades de adultos, xuvenil e infantil, do II Concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal. O xurado, reunido na sede da RAG, escolleunos entre as case 500 propostas recibidas xunto a outros seis microrrelatos distinguidos cos segundos e os terceiros premios.
-
O equipo científico formado por Yara Frateschi Vieira, Maria Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo presentou o Roteiro Virtual da Lírica Medieval, con foco inicial nas relacións entre a lírica galego-portuguesa e a cidade de Santiago de Compostela e arredores. Os tres son integrantes do Grupo Graall (Grupo de Análise de Aspectos Lingüísticos e Literarios da Lusofonía) da USC, sendo a primeira da Universidade de Campinas-São Paulo, e os segundos da USC.
-
O martes 23 de abril, con motivo do Día do Libro, o MARCO súmase un ano máis á experiencia de Bookcrossing compartida con outras 54 bibliotecas de museos e centros de arte, na que se liberarán volumes relacionados con diferentes disciplinas procedentes dos fondos das súas respectivas bibliotecas. A solta de libros iniciarase a partir das 12.00 fronte á fachada principal na rúa Príncipe, e outros puntos da cidade.
-
Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou “Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios” (Hércules de Ediciones, 2019), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que pretende achegar a súa figura a calquera persoa interesada, de xeito didáctico e buscando integrar a súa vida e obra.
-
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de tirar do prelo Pondaliana, un libro disco que contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto.
-
O nome escollido é: 'O método Morris' e ao longo de dúas horas, o actor tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.
-
A Deputación da Coruña acolleu este venres a cuarta xornada do programa Malas linguas: activando falantes para o século XXI arredor, desta volta, da relación da lingua e o xénero. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, apostou na súa intervención por unha "lingua inclusiva". 'Malas linguas' terá o seu feche de ouro o vindeiro martes 14 de maio en Ponteceso coincidindo co Festiletras.
-
A poesía regresa o vindeiro luns ao centro Ágora da Coruña. O ciclo Poetas Di(n)versos, a única proposta estable de recitais con continuidade en España, retoma a súa actividade na primavera con tres recitais nos que participarán voces chegadas de Galicia, Alemaña, Estados Unidos e Nova Zelandia. A directora de Poetas Di(n)versos, a dinamizadora cultural Yolanda Castaño, foi quen deu a coñecer o programa.
-
A artista pontevedresa Cora Velasco presenta este xoves en Lugo o seu último traballo 'Sortilegios’', un álbum no que a artista achega a súa faciana máis íntima e persoal ao tempo que denota máis madurez que nas dúas entregas anteriores. Despois de catro anos de carreira musical, máis de 200 concertos, tanto en Galicia como alén das súas fronteiras, dúas xiras por dez países de Europa e tres traballos editados, Cora Velasco reaparece cunha nova proposta.