O Festival Primavera do Cine trae 'O método Morris', un seminario-charla de interpretación autodidacta impartida polo actor vigués

Toda esa experiencia é a que pretende ofrecer nunha charla de interpretación moi especial que levará a cabo o sábado 4 de maio de 11.00 a 13.00 no Auditorio do Concello como parte das actividades do Festival Primavera do Cine, que comeza coa sección oficial o 30 de abril e remata o 5 de maio.
O nome escollido é: 'O método Morris' e ao longo de dúas horas, o actor tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.
INCANSABLE MORRIS
Con apenas 20 anos, Morris subiuse a un escenario e xa nunca parou de actuar. A súa traxectoria levoulle a ser un alicerce fundamental nas montaxes teatrais do Centro Dramático Galego e da Compañía Artello interpretando personaxes de Shakespeare ou de Molière.
No cinema debutou en Continental (1990) de Xavier Villaverde e traballou baixo a dirección de Fernando León de Aranoa, Icíar Bollaín, Daniel Calparsoro, Ángel de la Cruz ou Ignacio Vilar, co que deu vida ao Milhomes de A Esmorga, un dos seus papeis máis lembrados.
E é que quizais esa sexa a característica principal de Morris, que nunca parou de traballar e de participar en grandes producións, pero tamén nalgunhas máis modestas como Dhogs que lle valeu o seu último Premio Mestre Mateo en 2017.
PRIMAVERA DO CINE E MORRIS
O Festival Primavera do Cine xa recoñeceu o inxente labor de Morris en 2017 outorgándolle a Mención Honorífica. O actor sempre defendeu a necesidade de que exista un festival de cine en Vigo e decidiu sumarse a el ao igual que fixeron o director Álvaro Gago e o director de animación, ilustrador e debuxante de cómics Alberto Vázquez.
Festival Primavera do Cine