O Primavera do Cine presenta a VIII edición do festival e destaca a gran evolución do certame ao longo da súa traxectoria
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/festival-primavera-do-cine-2019.jpg)
Doutra banda, o director do festival quixo destacar tamén a gran evolución que está a ter o certame, sobre todo nos dous últimos anos e considera que “cada ano vai sumando público e vai sumando mellor reputación e consideración tanto pola xente do sector audiovisual como pola xente de Vigo, que é o máis importante”.
Outra das novidades deste ano é que tanto a gala de inauguración como a de clausura serán sen custo. De feito, na gala de inicio, que terá lugar no Calvario o 1 de maio ás 21.00, ademais de entregar a mención honorífica a un dos grandes impulsores do audiovisual galego, Manolo González tamén se proxectará No intenso agora, un filme lusófono da sección oficial.
Xa o día previo a gala de clausura poderase gozar do concerto de Basanta na Sala Iguana Club a partir das 23.30 (rúa Churruca, 14), un grupo vigués cheo de misterio que mistura rock psicodélico con pop, folk e tintes indies.
En definitiva, o Primavera do Cine traerá o mellor do cine galego e lusófono a cidade para que, durante dúas semanas, os vigueses poidan gozar dunha primavera chea de cine e, por suposto, a prezos populares.
AS ACTIVIDADES PARALELAS
A programación do Primavera do Cine 2019 completarase con outras actividades paralelas coma a charla de interpretación que dará o actor vigués Morris, prevista para o sábado 4 de maio ás 11.00, Proxecto Remolque, o sábado 4 de maio ás 11.30 ou Galegas de Cine, o domingo 5 de maio ás 11.30. Todas terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo.
Proxecto Remolque, dirixido por Cris Lores e acompañado polos cineastas Belén Veleiro e Alberte Pagán. é un obradoiro no que os asistentes, despois dunha pequena clase introdutoria e do visionado de diversas obras que servirán de exemplo, poderán realizar ás súas propias películas en celuloide. De feito, a cada participante se lles facilitará carretes de tráileres de filmes audiovisuais comerciais en 35 mm.
“O Método Morris” será unha charla onde o intérprete tentará desentrañar os segredos do que el mesmo chama “actuación autodidacta”, unha forma totalmente orixinal e xenuína de involucrarse en cada personaxe ata facelo seu, creado tras máis de tres décadas vinculado á interpretación. Ademais, tamén falará das experiencias que viviu dende dentro do audiovisual galego así como da súa evolución como actor.
Finalmente, Galegas de Cine é unha clase maxistral en dúas sesións impartida pola docente Renata Otero e a cineasta Jaione Camborda. Nesta actividade explorarase o papel que tivo a muller en toda a historia cinematográfica e falarase tamén das mulleres vinculadas ao eido audiovisual na actualidade.
R.