Noticias
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, coincide esta semana coa celebración do Día de Galicia, polo que comezará o venres –e non o xoves– para deixar gozar dos festexos desta importante efeméride. Ese día, os madrileños Floridablanca musicarán o solpor con temas dance funk moi setenteiros co obxecto de converter a praza exterior do complexo nunha pista de discoteca propia desa época. A banda –que obtivo numerosos éxitos no circuíto indie baixo o nome de Sin Rumbo–evolucionou, ao longo destes anos, o seu son cara a ritmos máis evidentes das pistas de baile dos anos 70 da pasada década, con melodías de pop negro que a crítica especializada sitúa próximas a formacións que van desde Metronomy, The Weekend ou The 1975.
-
Solpores do Museo, o novo ciclo de concertos que traerá a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome ao Museo do Mar de Galicia, arranca tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos. O ciclo consta de seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán, sendo Baiuca e Presumido os encargados de poñerlle sintonía ao solpor na primeira das seis citas programadas ata finais de agosto. Completan o cartel artistas de renome a nivel nacional e galego como Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente ou Xosé Manuel Budiño, que estarán acompañados de músicos vigueses como Amaro Ferreiro, Moon Cresta ou Bliusvai.
-
A igrexa de Santa Liberata, a de Santo Estevo de Chouzán, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, a catedral de Tui, a capela do antigo colexio-instituto da Fundación Fernando Blanco, o pazo do Faramello, a igrexa de San Miguel de Lebosende e o mosteiro de Santa María de Penamaior, son os espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o grupo Cantaderas, que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral e que abrirá a programación o 1 de setembro. Xunto con Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz, Rosalía Gómez Lasheras, L’Unisoni e Capella des Ministrers son os artistas e agrupacións que forman parte do programa musical.
-
Castelao grafista é unha proposta que reúne unha ampla selección de materiais das múltiples facetas desenvolvidas por Castelao, na que se poden atopar textos, ilustracións, deseños, fotografías ou publicacións coas que achegármonos á rica e poliédrica figura do rianxeiro. Na inauguración participaron, ademais do conselleiro, o presidente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Torrente; e o comisario da mostra, Miguel Fernández Cid. A exposición, s e comisariada por Miguel Fernández Cid, forma parte dun amplo proxecto divulgativo sobre a figura de Castelao para dalo a coñecer por medio dos Instituto Cervantes e dos centros do Ministerio de Asuntos Exteriores en máis de 110 cidades dos cinco continentes.
-
No decorrer do acto entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaeron na xornalista e escritora María Solar, na catedrática María Victoria Carballo-Calero, en Radio Carballiño, no Centro Galicia de Bos Aires, na Asociación de Veciños da parroquia de Madarnás, no grupo empresarial Cer&Ber e na asociación fotográfica Os Potiños. Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou a figura de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015), Pura e Dora Vázquez (2016), Carlos Casares (2017) e Víctor Campio Pereira (2018).
-
LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019 no escenario da Praia de Riazor. O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O obxectivo do concurso foi fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local. Un xurado composto por cinco profesionais do mundo da música e socios da emisora Cuac FM valorou a calidade das distintas propostas.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, retoma mañá xoves as súas actuacións de balde ao solpor con Labaq. A artista brasileira traerá á Praza Central os sons máis anovadores da música do seu país. Trátase dun dos nomes máis recorrentes na escena musical electrónica actual e con máis presenza entre os circuítos da música alternativa/pop & indie. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora despregará no escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora deste ciclo— a forza e a sensibilidade que proxecta tanto na súa voz, como na súa guitarra eléctrica. A partir das 21 horas, o sol agocharase na praza exterior da Cidade da Cultura acompañado dos sons de Labaq.
-
Os froitos da convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo permitirán impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron a resolución deste proxecto para o que a Xunta aportará un total de 4,7 millóns de euros, e suporá a mobilización en toda Galicia de preto de nove millóns de euros ao longo deste ano e ata abril do 2020. As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: desde o ámbito artístico, pasando polo do patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade e a gastronomía, ata o ámbito deportivo e o social.
-
A Cidade da Cultura de Galicia acolle o vindeiro domingo a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que arredor de 590 músicos novos, de 13 formacións, interpretarán os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluirá un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco. Para finalizar o certame, todas as formacións interpretarán de xeito conxunto o himno galego. O evento busca fomentar o encontro entre novos intérpretes, establecer vínculos que dean lugar a futuras sinerxías entre bandas, enriquecer a formación das xeracións máis novas e promover a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal.
-
O 'Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia', volve encher esta fin de semana o complexo histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). Este encontro convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación coa música, a gastronomía e outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Entre o venres e o domingo 7 de xullo, en horario de 11:30 a 21:30, os visitantes poden achegarse aos 47 expositores de produtos gourmet, así como coñecer o traballo de 66 artesáns de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería ou a bixutería.