Noticias
-
A paisaxe cultural da Ribeira Sacra segue a avanzar como candidata española á Lista do Patrimonio Mundial para o vindeiro ano 2021 coa súa remisión por parte do Ministerio de Cultura y Deporte á UNESCO o pasado mes de setembro. Previsiblemente, a candidatura da Ribeira Sacra contará cun Plan de Xestión pechado pola Consellería de Cultura e Turismo a finais de 2019, avaliarase por parte da UNESCO ao longo do 2020 e irá ao Comité do Patrimonio Mundial de 2021. Así se deu a coñecer está mañá na 86ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico, o máximo órgano de coordinación Patrimonial do Estado, que se celebra desde onte no Parador conquense.
-
A arte urbana, a innovación na creación musical e as mulleres emprendedoras foron as grandes protagonistas da última xornada de Audacia, festival de artes e emprendemento. Celebrado no Museo Centro Gaiás durante as xornadas do venres e o sábado, Audacia foi todo un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que, no ámbito da arte e a creación, poñen en valor a ousadía e o risco. O encontro congregou a artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural, da empresa ou da economía, así como a máis dun milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas como belas artes, audiovisual, moda, creación plástica, fotografía ou música.
-
Presentouse na Sala Videodrome, o templo do frikismo vigués, a programación definitiva da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival e, tal e como se agardaba, chega repleta de contido friki espallado ó longo dos tres días que ocupará o certame. Preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, México ou Países Baixos conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. “Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna” –comentou Juan De Castro, director do certame– “que son a primeira vez que se verán en Galicia”.
-
O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario da estrea esta fin de semana de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Cristina Balboa describe O que segue como “un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza” para construír un “relato feroz” do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo.
-
Durante a 41 Semana do Cine de Lugo proxectaranse un total de 130 filmes, que estarán divididos en 10 ciclos. Destes, 112 serán gratuítos, sendo de pago só o ciclo infantil, con entradas a 2,50€, Xoias do Ano, a 4€ e o ciclo Oficial, que terá un prezo de 5€. Ademais, as persoas que acudan ás proxeccións do ciclo Oficial, recibirán cada día unha publicación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá como agasallo. Como novidade deste ano, dentro do parque de frigsa acollerá o Paseo do Cine de Lugo, que conterá placas homenaxeando a figuras de Lugo que foron importantes no mundo do cine. Neste ano colocaranse as dúas primeiras placas adicadas a Antonio Mourelos e Prudencia Grifell.
-
Os reitores e representantes de 25 universidades de 9 países europeos e americanos apoian á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no percorrido cara á súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, referendando que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflexa e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”. O Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.
-
Mileth, Costa escura, Rebezo, Adhara & Ritman e Rabuda son as cinco bandas que o xurado escolleu como finalistas para a XI edición do concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña. Nun concerto que se celebrará no mes de novembro decidirase quen será a banda gañadora das cinco que compiten na XI edición do premio Narf da Deputación da Coruña. O xurado reunido hoxe na Coruña, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, no que tamén participou a música Su Garrido Pombo, gañadora da edición anterior, escolleu as cinco bandas finalistas entre os 24 presentadas.
-
Catro candidaturas galegas compiten como finalistas das cinco categorías dos Premios Nacionais de Artesanía. Nesta 12ª edición dos galardóns foron seleccionados como finalistas tres obradoiros galegos: Eferro (Vila de Cruces), Ojea Studio (Vigo) e Anaquiños de Papel (A Coruña). Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia, aspira a gañar na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas, na que foi galardoada en dúas ocasións anteriores. Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea.
-
Acábase de crear a Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos. Poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. Os establecementos que se adhiran á rede recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local.
-
O vindeiro venres 11 todas as persoas que de decidan achegarse ao Auditorio Municipal do Concello de Vigo poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza 'Despois das ondas', baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares. Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia.