Noticias
-
Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.
-
A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
-
A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración. As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa. A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.
-
O espectáculo Fang, da compañía circense Animal Religion, poderá verse este domingo no Salón Teatro de Santiago, que retomará así a súa actividade escénica tras un mes maioritariamente dedicado ás proxeccións do festival Cineuropa. A función insírese na programación da cuarta edición do Encontro de Formación e Innovación no circo D10!. A compañía, fundada e dirixida polo artista catalán Quim Girón, chega a Galicia cun espectáculo polo que en 2017 obtivo o premio especial da revista de circo e artes circenses Zirkolika, recoñecemento que se suma a destacados galardóns obtidos polas anteriores montaxes.
-
Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.
-
A Asociación Española de Ciencia Rexional vén de premiar o traballo de investigación elaborado polo grupo de investigación GAME da Universidade de Santiago (USC) que estuda o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago e que se está a converter nunha eficaz ferramenta para a toma de decisións na xestión galega ao redor da Ruta Xacobea. O traballo, presentado o ano pasado, foi recoñecido co VI Premio Blog a Riqueza das Rexións á mellor entrada de 2019 nesta plataforma da asociación española, pola súa achega á sustentabilidade do Camiño de Santiago. O documento resume parte dos resultados alcanzados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e este grupo de investigación.
-
Os sábados 7 e 14 de decembro, ás 17,30 horas, o público de todas as idades poderá gozar da música da Unión de Guláns e da Unión Musical de Meaño, que lle dan unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do grupo de teatro Todos Xuntos e o da compañía galega de novo circo Pistacatro. Crean así dúas propostas escénicas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos da casa. Ambos concertos son de balde, pero con prazas limitadas, polo que para poder asistir cómpre recoller con antelación o convite no Museo Centro Gaiás. Os espectáculos foron galardoados na convocatoria dos premios Innova 2019.
-
Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
-
Foi presentada na capela de San Fiz de Solovio, a mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Estiveron presentes no acto Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago, Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021, Isaías Calvo, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación vai incluír numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.
-
Dous escritores son os gañadores da XXXI edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. Nesta nova convocatoria, Antón Riveiro Coello con 'As liñas do paraíso' e Alex Alonso con 'Crónica denigrante' repartiranse o premio mellor dotado da literatura galega. O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xavier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e Xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As Liñas do paraíso e Crónica denigrante.