Catro candidaturas galegas compiten como finalistas nas cinco categorías dos Premios Nacionais de Artesanía
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/artesania-03.jpg)
Na súa duodécima edición, os Premios Nacionais de Artesanía rexistraron 90 candidaturas procedentes de toda España. Delas, 16 finalistas (4 deles galegos) optan ás cinco categorías a concurso. Os gañadores daranse a coñecer nunha cerimonia prevista para o próximo 4 de decembro.
Candidaturas galegas
A Fundación Artesanía de Galicia ten en marcha desde 2013 o proxecto Artesanía no prato, que ten como finalidade xerar unha interrelación entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas artesás como soporte das creacións culinarias. No marco desta iniciativa, achéngase os produtos dos obradoiros artesáns galegos aos campos da gastronomía, hostalería e restauración. Apóstase pola calidade, a innovación e a creatividade, fomentando experiencias con novos soportes e materiais. Froito deste proxecto, máis de 40 artesáns están a traballar con cociñeiros galegos e nacionais, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para hostalería. Os vindeiros 27 e 28 de outubro celebraranse en Expocoruña as II Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, unha das iniciativas incluídas neste proxecto.
Elena Ferro, do taller Eferro (Vila de Cruces, Pontevedra), opta como finalista a recibir o galardón na categoría de Premio Nacional de Artesanía. Elena Ferro xa fora finalista en 2011, na categoría Premio Produto. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. Neste taller, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións da familia Ferro. Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, Elena Ferro outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia, reinventando o seu uso como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou a este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.
A ceramista e enxeñeira Paula Ojea, de Ojea Studio (Vigo), é finalista da categoría Premio Produto á que opta coa súa colección Cut&Fold. Esta serie caracterízase polas súas formas xeométricas imposibles, que segundo o punto de vista desde o que se observen inclínanse cara distintos lados, semellando inestables. Son pezas que exploran contrastes, entre a precisión do deseño e a irregularidade do proceso artesanal. Foron deseñadas con mentalidade e xeito de traballar propias da enxeñería e realizadas de forma artesanal. A serie, que evoca o papel cortado e dobrado, permite incorporar deseños máis utilitarios (xerras, xarróns, cuncas, e pratos) que usan chefs de alta cociña para servir as súas creacións. Os seus singulares deseños son realizados a man, de xeito que nunca dúas pezas son idénticas. Desde a modelaxe ou colaxe da arxila ata o esmaltado, todo se fai de maneira individual. En 2017 este obradoiro resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto que concede a Fundación Artesanía de Galicia para formación especializada nun centro de prestixio.
Na categoría Premio ao Emprendemento resultou finalista Anaquiños de Papel (A Coruña). Este obradoiro, dirixido polas irmás Cristina e Beatriz Velasco desde 2014, foi gañador da Bolsa Eloy Gesto o ano pasado. A materia prima deste estudio de deseño e creatividade é o papel, co que elaboran obxectos de decoración como lámpadas, flores, animais ou tocados usando con técnicas de origami e paperart. Este proxecto innova no sector artesán do papel, aínda non moi coñecido en España, o que lles deu a posibilidade de crecer e posicionarse chegando a ser un referente no sector. Nun breve espazo de tempo xa teñen colaborado con Loewe, Cartier, Inditex, Cruz Vermella ou Ecoembes. A súa filosofía é o deseño responsable e sostible.
R.