Noticias
-
O audiovisual galego está representado na selección do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) a través das películas Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, que contan co apoio da Xunta de Galicia para a súa promoción neste encontro. O certame andaluz está a celebrar a súa décimo sexta edición desde o pasado venres e ata o día 16 coa cinematografía europea como protagonista. Con motivo destas seleccións, ofreceuse este mediodía unha recepción baixo o título ‘Celebrando o cinema galego’, dirixida prioritariamente aos profesionais de toda Europa que están a participar no programa SEFF Industria.
-
Trátase dunha mostra expositiva itinerante que rende homenaxe ao traxe tradicional galego e onde se mesturarán máis de 200 variedades de camelia con pezas como mantóns, panos, zapatos, capelinas, dengues, San Cosmeiros ou cofias. Como novidade, tamén se incluirán varios traxes do Ballet Rey de Viana. Esta exposición é posible grazas ao traballo dos máis de 20 coleccionistas galegos que presentarán na mostra as súas flores cultivadas. Tras o seu paso por Santiago de Compostela, a 'Camelia de Galicia-Traxe galego, unha parella perfecta' porá en valor a cultura galega, a natureza e os atractivos que a Ruta da Camelia ofrece a través das súas doce paradas por toda a xeografía galega.
-
A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.
-
O primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España foi escrito hai 16 séculos por unha aristócrata da Gallaecia romana, Exeria, que movida pola curiosidade por coñecer os escenarios bíblicos emprendeu unha peregrinación desde Galicia ata Terra Santa. O manuscrito máis antigo conservado no que se narra a súa viaxe –datado no século XI– está xa no Museo Centro Gaiás, a onde chegou procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia para ser exhibido na mostra 'Galicia, un relato no mundo'. Exeria está considerada a primeira muller escritora –da que se ten constancia– da Península Ibérica. Tamén é a primeira peregrina que relatou a súa viaxe nun diario, que foi escribindo a modo de cartas nas que describiu aqueles lugares que percorría e que inclúen Exipto, Antioquía, Edesa ou Constantinopla.
-
A Cidade da Cultura organiza para o vindeiro sábado 23 de novembro #CulturaLike, unha xornada que reunirá no Gaiás dous divulgadores culturais que están a triunfar nas redes sociais cos seus contidos: Jaime Altozano, con máis de dous millóns de seguidores, e o galego Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido como El Barroquista, con máis de 40.000 só na canle de Twitter. Esta xornada amosará como os contidos culturais tamén espertan o interese dunha audiencia de masas e tamén son capaces de converterse en trending topic nas redes sociais. O encontro busca demostrar como estas ferramentas en liña poden servir de aliadas perfectas para difundir a arte fóra dos espazos museísticos, rachando coas canles de acceso tradicionais e permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou académicos contidos e coñecementos culturais.
-
A editorial viguesa Dos Acordes volve dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tanto este novo título, que fai o número 33 da colección, como o volume 32 contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
-
Convócase o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe, por calquera das causas posibles. A iniciativa estrutúrase en tres accións: a concesión do Selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria) e o Voluntariado de lectura-A (Primaria). Poderán optar a este selo aquelas bibliotecas que propician especificamente valores de xustiza e solidariedade, e procuran de forma destacada a compensación de desigualdades.
-
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI - Filmoteca de Galicia) arranca mañá a súa última carteleira bimestral de 2019 co primeiro dos sete filmes do ciclo que lle dedica ao realizador Roberto Gavaldón, considerado un dos máximos representantes do cinema mexicano dos anos 50 e 60 do pasado século. 'La barraca', adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez, foi o seu debut na dirección e o filme elixido pola cinemateca galega para abrir este especial cunha sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h. Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano, dedicados a Rino Lupo, Franco Piavoli e a documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española.
-
San Facundo de Ribas de Miño(Paradela) foi escenario da festa celebrada nas vísperas de Santos e Defuntos, para exaltar que todas as lápidas están en idioma galego, desde a restauración do cemiterio a finais dos anos noventa do pasado século. Un acto institucional no salón de plenos do Concello de Paradela foi ocasión para asinar unha acta de reafirmación da galeguidade.
-
Durante os nove primeiros meses do ano Galicia recibiu máis de 4,1 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9 millóns de pernoitas, o que supón a cifra máis elevada da serie histórica. Así se desprende dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que amosan incrementos na nosa Comunidade moi superiores aos acadados a nivel estatal. En concreto, mentres a demanda sube en toda España un 0,9%, en Galicia medra un 6,5%, 5,6 puntos máis.