Noticias
-
Un total de 16 obradoiros da marca Artesanía de Galicia forman parte xa das recomendacións da guía Homo Faber, unha plataforma online que selecciona a excelencia da artesanía de toda Europa. Nesta guía pódense descubrir os mellores artesáns de cada país europeo, así como artistas, tendas, museos, galerías, talentos emerxentes e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade. A Homo Faber é unha plataforma que propón descubrir Europa a través da visita aos espazos de traballo dos artesáns, galerías, museos e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.
-
A Xunta de Galicia vén de anunciar os nomes dos gañadores das mellores declaracións de amor en galego presentadas nesta undécima edición do certame Lingua de namorar. Un total de 132 mozas e mozos de entre 14 a 35 anos participaron neste concurso que procura dinamizar o uso da lingua galega entre a xuventude, tanto nas súas relacións persoais como na internet. Un ano máis, as Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e a de Política Social puxeron en marcha esta iniciativa que promove o uso de galego ao tempo que permite amosar o talento literario da mocidade a través de tres categorías, dúas delas para web e unha exclusiva para a rede social Instagram.
-
Presentouse a nova produción do CDG 'Ás oito da tarde, cando morren as nais', con dirección e dramaturxia de Marta Pazos e cuxa estrea será este xoves no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco. O espectáculo estará en Santiago ata o 1 de maio con 14 sesións e logo xirará ata xuño por Cee, Cedeira, Catoira e A Estrada, así como polas localidades portuguesas de Beja e Coímbra.
-
Foi presentado o festival de música contemporánea RESIS, que arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual. O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble.
-
A idea dos gabinetes de curiosidades ou 'habitacións das marabillas', unha serie de espazos nos que, a partir do Renacemento, nobres, reis ou burgueses reunían as súas coleccións, nas que as obras de arte convivían con obxectos de exóticos, constitúe un dos puntos de partida da exposición que protagoniza no CGAC Suso Fandiño. Baixo o título de Wunderkammer, termo alemán que foi o primeiro para o que en español se coñeceu como 'gabinetes de curiosidades', Fandiño reúne un conxunto de obras que propoñen 'unha serie de vías e ligazóns pouco habituais'.
-
O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece este domingo o concerto 'Retrato de muller' do guitarrista clásico tudense Samuel Diz. A sesión terá lugar ás 12:00, con entrada libre ata completar a cabida, e poderá seguirse tamén a través da canle de YouTube. Activo intérprete e investigador da música da primeira metade do século XX, o programa previsto por Samuel Diz inclúe sete pezas. A súa participación no ciclo responde a unha das principais ilusións artísticas do autor, achegar a música aos espazos museísticos desde o rigor e a coherencia co legado custodiado e tratando a música como ben patrimonial en si mesma.
-
A Xunta e a Fundación ”la Caixa” inauguran este xoves 7 de abril no Museo Centro Gaiás a exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924 – 2020, que explora o intercambio e diálogo entre arte surrealista e deseño contemporáneo ao longo dos últimos 100 anos. A mostra, que abrirá as súas portas ao público ao día seguinte (venres 8 de abril), está organizada pola Fundación "la Caixa" e o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura e no marco do Xacobeo 21-22.
-
'2 Torres, 2 Camiños' converte a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea. Pola súa banda a torre transparente condensa o enxame de camiños e rutas que levan a Santiago, materializado nun grande nobelo de fíos enleados, que representan este labirinto de pasos e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea. Ademais, na intervención soa, na voz de Beatriz Tejero, unha interpretación da peza Santa Maria, strela do dia, incluída nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII).
-
Foi presentada a programación das Letras Galegas 2022, un amplo abano con máis de 150 actividades dedicado á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista Florencio Delgado Gurriarán impulsado pola Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello de Cultura Galega en colaboración con múltiples empresas, entidades, administracións locais. As actividades, nas que están implicadas a CRTVG, a comarca de Valdeorras ou a Deputación de Ourense irán dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida, a figura e a obra do autor de Valdeorras. Están pensadas para toda a cidadanía e desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
-
Máis dun centenar de persoas asistiron a esta estrea que tamén se realizou, de xeito simultáneo, noutros sete centros galegos do exterior: o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Instituto Cañada Blanch-Centro Galego de Londres, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona. Este ciclo conta cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. Visualizaranse así, dende marzo a decembro, os oito filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo