Publícanse as partituras da 'Sinfonía nº 2 nas Montañas de Galicia' de Andrés Gaos
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/andres-gaos.jpg)
Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874- Mar del Plata, Arxentina,1959) formouse musicalmente en Galicia, Madrid e Bruxelas, e asentouse en Bos Aires, cidade desde a que traballou como docente, compositor e concertista de violín en xiras internacionais. O seu repertorio, con máis de 70 obras, abrangue música para escena, orquestral, música de cámara co violín como protagonista, para canto e piano, así como unha interesante serie de composicións para piano solo, instrumento que chegou a tocar con gran perfección.
Música clásica, contemporánea e para banda
Nacida en 1992, Ars Gallaeciae Musicae pasa a publicarse desde 2006 en réxime de coedición con Dos Acordes, ao tempo que se estrutura en tres series para lle dar cabida a un máis amplo abano de títulos. Así, Agra Vella difunde obras asinadas por compositores galegos ou vinculados con Galicia xa desaparecidos, desde a Idade Media ata o século XX, mentres que Agra Nova e Ávrego ábrense a autores actuais e a composicións para bandas de música. En 2010, a colección foi recoñecida co Premio da Crítica-Galicia de Música pola súa “prolongada actividade investigadora e divulgativa” que, segundo sinalou o xurado do galardón no seu ditame, “enriquece o repertorio das orquestras nacionais e internacionais e potencia os novos autores”.
A edición da Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia está xa á venda en establecementos especializados, na libraría institucional en liña da Xunta de Galicia e a través da páxina web de Dos Acordes.
R.